- Dous mil metros cadrados que permitirán aparcar a máis de 80 coches
“Palabras transformadas en feitos e compromisos cumpridos son o resultado dunha xestión diaria para conseguir mellorar o día a días das veciñas e veciños”, así comunica a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, a apertura dunha nova zona de aparcamento no centro de saúde.
Máis de 80 prazas
Dous mil metros cadrados que permitirán aparcar a máis de 80 coches son datos trasladados pola concelleira de Benestar Social, Raquel Plana, quen insiste no compromiso firme do goberno de Ponteareas co benestar e mellora dos servizos públicos. Tamén recordou o compromiso da Xunta de construír un novo centro de saúde no municipio que dará asistencia a máis de 40.000 persoas e que xa se están a avanzar nos trámites para impulsar a redacción do proxecto. “Esta é unha medida transitoria para este tempo no que continuamos traballando para ter un novo centro de saúde que será unha realidade, polo que optamos por arrendar un terreo próximo ao centro de saúde e totalmente plano para maior comodidade das e dos usuarios que cheguen en coche”.
Para atender a un maior número de pacientes, neste ano a Consellería de Sanidade instalou un punto de atención diagnóstica e terapéutica que permitíu ampliar o servizo con dúas consultas máis. Estas son medidas especiais de apoio ao servizo mentres prosigue o proceso administrativo para contar co novo centro de saúde.
Alcaldesa e concelleira explican que dende o seu goberno activan iniciativas de carácter sociosanitario que promoven hábitos de vida saudable como ferramenta para a mellora da saúde física e mental das persoas. A modo de exemplo citaron as clases de ximnasia, hipopresivos e relaxación ao aire libre na praia da Freixa, a marcha nórdica, os obradoiros de memoria tanto no centro urbano como no rural ou en poboación máis nova o proxecto europeo Health4kids.