- Ángeles Vázquez salienta a importancia destas actuacións para vertebrar o territorio, mellorar a mobilidade nos espazos naturais e fomentar un turismo verde e sostible
- O pasado mes de xuño remataron os traballos de reparación e limpeza sobre a pasarela de Calvelo, localizada nun espazo Rede Natura 2000 e nos que se primou a integración paisaxística coa contorna e a seguridade dos usuarios
A Xunta de Galicia completou este verán os traballos de recuperación e posta en valor das pontes colgantes de Calvelo, Soutomaior e O Xirimbao, localizadas en espazos naturais emblemáticos das provincias de Pontevedra e Coruña e nas que investiu un total de 220.000 euros.
Así o anunciou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que visitou precisamente unha destas pasarelas, a de Calvelo, no municipio de Cerdedo-Cotobade, para comprobar en persoa o resultado dos traballos acometidos nesta infraestrutura de 30 metros de lonxitude.
Acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, a conselleira explicou que este tipo de intervencións son bos exemplos de que a Xunta traballa cunha visión estratéxica que busca vertebrar o territorio, mellorar a calidade dos espazos naturais e facer do patrimonio natural de Galicia un motor de dinamización local.
De feito, Ángeles Vázquez considerou que apostar por este tipo de pontes é apostar tamén pola mobilidade sostible, o sendeirismo, o turismo verde e de calidade e a cohesión territorial do rural.
Neste contexto, precisamente, a conselleira enmarcou a encomenda realizada o ano pasado polo seu departamento para rehabilitar, ademais da xa mencionada, a ponte colgante do Xirimbao, que conecta os concellos da Estrada e Teo atravesando o río Ulla e na que se investiron 91.000 euros, e a pasarela colgante de Soutomaior sobre o río Verdugo, á que se destinaron 60.000 euros.
En canto ás actuacións acometidas pola Xunta na ponte de Calvelo, que tiveron unha duración de sete meses e un investimento de 70.000 euros, comezaron en novembro do ano 2024 e remataron o pasado mes de xuño. Neste período, reparáronse os apoios de formigón da estrutura, acometeuse a limpeza de caixeados e o engraxe das poleas guía, saneáronse e substituíronse elementos metálicos e dos taboleiros de madeira e instalouse un panel informativo sobre a normativa a cumprir, entre outros traballos.
Localizada nun enclave singular dentro de Rede Natura 2000, a pasarela, suspendida a uns 18 metros sobre o curso fluvial, é o único punto de unión entre as dúas marxes do río Lérez en varios quilómetros e constitúe tamén un elemento de gran valor patrimonial e etnográfico para esta zona.
Por iso, a conselleira resaltou que tanto á hora de redactar o proxecto como de executar as obras primouse por un lado a integración paisaxística da infraestrutura coa contorna natural e por outro, a mellora da seguridade dos usuarios.
Ademais e no marco do plan anual de operacións deste ano na provincia de Pontevedra, anunciou que a Consellería está a tramitar un novo encargo nesta mesma zona que facilitará os accesos ata a ponte colgante de Calvelo coa construción dunha rampla feita a base de pasos descansados de madeira reciclada nun tramo do sendeiro no que actualmente non hai ningún tipo de plataforma. Cun orzamento estimado en preto de 30.000 euros, a responsable autonómica indicou que a previsión é que esta actuación estea executada antes de que remate o ano.