O Pleno da Corporación do Concello de Salvaterra de Miño, aprobou a modificación do Convenio de Colaboración para o mantemento da agrupación e xestión compartida do servizo de Atención Temperá (SAT) entre os Concellos de Arbo, Salvaterra de Miño e Crecente.
Con data 26 de novembro de 2021 asinouse o Convenio de Colaboración entre os Concellos de Arbo, Salvaterra de Miño e Crecente, para o mantemento da agrupación e da xestión compartida da agrupación de Concellos do servizo de Atención Temperá no marco da Rede Galega (Decreto 183/2013, do 5 de decembro, polo que se crea a Rede Galega de Atención Temperá) tras a finalizacion da vixencia do convenio asinado no ano 2020,
Convenio que establecía que o promotor da xestión do Servizo fora o Concello de Arbo, realizando toda a tramitación administrativa, tanto no referente á subvención ante a Consellería de Política Social como respecto da contratación do servizo.
Debido a carga de traballo e que o Concello de Salvaterra de Miño é o Concello que máis nenos e nenas deriva a este servizo faise necesario unha modificación do Convenio para acordar que o Concello promotor pase a ser o de Salvaterra de Miño, así como unha modificación nas porcentaxes de financiación e demais cuestións relativas á xestión do servizo, co fin de seguir mellorando a atención que se ofrece aos usuarios e usuarias.
Unha vez que se aprobe polos tres Concellos integrantes da Agrupación, deberá remitirse á Consellería de Política Social e Igualdade, para que preste a súa conformidade ós efectos da subvención concedida ao abeiro da Orde do 27 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá nos anos 2024 a 2026, cofinanciada pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede a súa convocatoria (código de procedemento BS700A). Posteriormente, e como último paso, poderase volver a sacar a licitación do servizo para esta nova etapa.