HomeLugoA Xunta dá luz verde ambiental á construción dunha nave de produción...

A Xunta dá luz verde ambiental á construción dunha nave de produción de combustibles sólidos recuperados a partir de residuos non reciclables en Sarria

- Anuncio -spot_img

— A resolución, que sae publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, inclúe condicionantes co fin de minimizar e compensar os posibles impactos que a execución do proxecto poida ter na contorna

— O trámite refírese á implantación dunha planta promovida pola empresa Votorantim Cementos España no lugar de Oural, na que obterá combustibles que despois empregará na fábrica de produción de cementos que xa ten na localidade

— A declaración de impacto ambiental é o resultado da consulta a dez organismos interesados e de distintos informes elaborados de xeito rigoroso e exhaustivo polos técnicos de distintos departamentos para garantir a preservación dos valores naturais, paisaxísticos e socioeconómicos existentes na contorna

— O Executivo galego lembra que este é un paso máis na tramitación do expediente e que a DIA non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes exixibles para a execución e desenvolvemento do proxecto

A Xunta emitiu declaración de impacto ambiental (DIA) favorable ao proxecto da empresa Votorantim Cementos España para a construción dunha nova nave de produción de combustibles sólidos recuperados (CSR) a partir de residuos industriais e urbanos non reciclables no concello lucense de Sarria. Non obstante, esa decisión está condicionada ao cumprimento das exixencias recollidas tanto nos distintos informes sectoriais emitidos sobre o seu impacto como na propia DIA co fin de minimizar e compensar os posibles efectos na contorna. A maiores agora estase a traballar na autorización ambiental integrada (AAI) para completar o trámite ambiental.

A resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade -que saíu hoxe publicada no Diario Oficial de Galicia- refírese a unhas instalacións nas que se producirán os CSR que despois se empregarán nos fornos de produción de cemento, dando servizo a unha actividade que xa queda fóra desta iniciativa. De feito, a parcela na que se prevé construír a nave -de 5.820 metros cadrados de superficie- conta con 215.282 metros cadrados de superficie e nela atópase a planta de produción de cementos da empresa promotora na que se utilizarán eses novos combustibles.

O proxecto localízase concretamente no lugar da Oural, ao sur do concello de Sarria, e a nova edificación, que contará no exterior cunha zona pavimentada para o tráfico de vehículos, dividirase en tres zonas principais. A primeira delas é a zona de recepción e almacenamento do material entrante, onde os camións descargarán a materia prima e haberá un alimentador principal que descargará o material de entrada dunha cinta transportadora que conducirá o material cara a zona 2.

A segunda área consiste nun triturador primario cun separador magnético para recuperar os materiais ferrosos así como material reciclable e nun separador do material diferenciando entre lixeiro, de densidade mediana e pesado. O terceiro espazo será o de almacenamento de CSR para a súa expedición.

Produción
Cando as instalacións estean ao 100% da súa capacidade utilizarán máis de 160.000 toneladas ao ano de residuos industriais e de residuos de orixe urbana e comercial non recuperable para a súa reciclaxe. Da súa xestión sairán un total de 85.000 toneladas ao ano de combustibles sólidos recuperados de distintas calidades e con distintos fins, ben para o queimador principal para fábrica de cementos ben para o calcinador.

A declaración de impacto ambiental do proxecto promovido por Votorantim Cementos España é o resultado de distintos informes sectoriais favorables ou favorables condicionados ao seu desenvolvemento e da consulta a dez administracións públicas afectadas ou organismos interesados pola súa posta en marcha. Trátase dunha tramitación exhaustiva, rigorosa e garante da preservación dos distintos elementos que é preciso protexer no que se inclúen pautas ao promotor sobre como se debe desenvolver o proxecto para que sexa ambientalmente autorizable e viable.

Neste sentido, o Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, como órgano substantivo encargado de tramitar o conxunto do proxecto -e dependente da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, que será a encargada de autorizalo en última instancia-, pasará a asumir de novo o expediente unha vez que estea completado o trámite ambiental -pendente de que se emita a autorización ambiental integrada- e encargarase de velar, en caso de saír adiante, polo cumprimento desas exixencias ambientais recollidas tanto nos distintos informes sectoriais como na propia DIA e no plan de vixilancia ambiental que é de aplicación ao proxecto.

Declaración de impacto ambiental
O obxectivo dunha DIA é avaliar a integración dos aspectos ambientais de cada proxecto e determinar as condicións que deben establecerse para a adecuada protección do territorio e dos recursos naturais tanto durante a execución e explotación como no cese ou desmantelamento das distintas iniciativas.

De feito, calquera proxecto ten un impacto no territorio, pero os seus efectos non poden ser significativos, polo que a DIA é o instrumento encargado de determinar como e de que xeito se poden minimizar, compensar ou mesmo restaurar as zonas afectadas pola súa posta en marcha e durante o seu funcionamento futuro.

Estamos ante un trámite do máis exixente como demostra o feito de que a maioría das DIA favorables -como é o caso desta para a planta de combustibles sólidos recuperados- inclúen condicionantes xerais e particulares así como un plan de vixilancia ambiental que é de aplicación ao proxecto. Entre as obrigas a cumprir recollidas nos informes sectoriais adoitan estar algunhas como as autorizacións previas ao inicio das obras, a realización de estudos adicionais ou a reformulación dalgunhas características do proxecto co fin de facelas compatibles coa protección do medio ambiente.

No caso da iniciativa impulsada Votorantim Cementos España, a DIA establece condicións ambientais para a execución do proxecto relacionadas coa protección da atmosfera, poboación e saúde, das augas e leitos fluviais, do solo e infraestruturas, de xestión de residuos, patrimonio natural, integración paisaxística e restauración, eficiencia enerxética e protección ante accidentes graves ou catástrofes, entre outras.

Esta declaración de impacto ambiental favorable, non obstante, non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que sexan legalmente exixibles para a execución e desenvolvemento do proxecto.

Publicacións Relacionadas