– A empresa adxudicataria do contrato, Naturgalia, realizou entre xuño e agosto os traballos de roza en limpeza nos camiños municipais das trece parroquias. As tarefas fanse dúas veces ao ano nos camiños públicos. A segunda roza anual realizarase de setembro a novembro para que os camiños das parroquias estean en boas condicións.
– No caso da vexetación das marxes dos ríos, trátase de especies que cumpre un papel fundamental no ecosistema dos río. Entre os meses de marzo e agosto, ambos incluídos, prescíndese de facer actuacións de limpeza nas marxes fluviais para preservar este delicado espazo e respectar a época de cría de aves e anfibios.
A primeira limpeza anual dos camiños municipais das parroquias de Redondela, que comezou en xuño, rematou neste mes de agosto. Pedro Villaverde, concelleiro responsable da área, explica que os traballos permiten manter as estradas e camiños libres de maleza, e tamén cumprir coa normativa de prevención e defensa contra os incendios forestais.
A empresa Naturgalia, responsable do servizo, realizará a segunda campaña de roza e limpeza a partir de setembro, e rematará antes de final de ano. O obxectivo do Concello con este contrato é que todos os camiños das parroquias e as súas marxes estean en perfectas condicións todo o ano. Trátase dunha “aposta decidida” da alcaldesa Digna Rivas “pola mellora da calidade de vida nas parroquias, cun servizo de limpeza que se foi ampliando e mellorando nos últimos anos”.
Os traballos deixan os camiños e as súas marxes despexados, rozados e limpos, o que inclúe a maleza, herbas e arbustos tanto nos camiños como nas beiravías e noiros. Os operarios retiran todo o lixo e restos vexetais e fan unha a limpeza a fondo das cunetas con maquinaria especializada. As brigadas limpan os caños e sistemas de drenaxe obstruídos e retiran todo o lixo acumulado para permitir unha boa evacuación da auga. O contrato, por dous anos, licitouse en 2024 por un importe de 989.268 euros e podería prorrogarse dous anos máis, de xeito anual.
A importancia da vexetación de ribeira para a fauna
O concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez, explica que no caso da vexetación que se atopa nas marxes dos ríos, trátase dun ecosistema “moi especial e sensible”. A vexetación de ribeira cumpre un papel fundamental no ecosistema dos ríos “xa que facilitan a mobilidade de especies animais e protexen a aves como os parrulos na época de cría”. Entre os meses de marzo e agosto, ambos incluídos, prescíndese de facer actuacións de limpeza nos ríos do municipio para preservar este delicado ecosistema e respectar a época de cría de aves e anfibios. Un claro síntoma da boa situación dos río é a gran cantidade de parrulos, tanto adultos como crías, que se poden observar pola canle do Alvedosa ao seu paso polo centro da vila.