HomeDeputaciónsDeputación OurenseA Deputación, a través do proxecto Interreg Camiño Vertical que xestiona o...

A Deputación, a través do proxecto Interreg Camiño Vertical que xestiona o Inorde, achega a “Vía da Prata” ao público novo a través da música

- Anuncio -spot_img

“Las Migas” ofrecerán un showcase único no miradoiro Val de Oseira o próximo 13 de agosto baixo o título “A Prata Soa”, organizado pola institución provincial e cofinanciado pola Unión Europea no marco do programa Interreg España-Portugal (POCTEP 2021-2027)

Con máis de 20 anos de traxectoria musical, seis discos de estudo e unha proxección internacional que as levou a actuar en máis de 50 países, Las Migas é unha das bandas españolas de fusión flamenco máis recoñecidas a nivel mundial. Chegarán á provincia de Ourense para ofrecer un exclusivo “showcase” nun enclave emblemático: o miradoiro Val de Oseira, con vistas ao emblemático Mosteiro de Oseira. Esta proposta fusiona a cultura de diferentes rexións que atravesa o itinerario xacobeo da Vía da Prata ou Camiño Mozárabe, que preto dun 30% dos peregrinos inicia en Sevilla.

O evento celebrarase o martes 13 de agosto a partir das 20:00 h e contará cun programa pensado para gozar dunha experiencia cultural completa vinculando arte musical e camiño. A xornada comezará cun monólogo a cargo do actor e humorista Manuel Chacón, seguido dunha entrevista en directo coas integrantes do grupo, que compartirán co público a súa traxectoria, inspiración e proxectos futuros. O broche final poñerao unha actuación íntima de Las Migas, na que interpretarán en directo algúns dos seus temas máis coñecidos. Despois de tocar en máis de 50 países e colaborar con artistas destacados, “Las Migas” seguen conquistando corazóns coa súa proposta vibrante, valente e chea de música que chega á alma.

Este evento enmárcase no proxecto 0311_CAMIÑO_VERTICAL_6_E, cofinanciado pola Unión Europea no marco do programa Interreg España-Portugal (POCTEP 2021-2027), na que participa INORDE como socio. O seu obxectivo é achegar o patrimonio cultural e natural do Camiño de Santiago aos públicos máis novos, a través de propostas innovadoras que combinan arte, música e tradición.

Con máis de 850.000 seguidores en Instagram e un Latin Grammy no seu haber (Mellor Álbum de Música Flamenca, 2022), “Las Migas” seguen consolidándose como unha das bandas máis relevantes do panorama musical actual. Esta será unha oportunidade única para velas nun formato íntimo e nunha contorna de gran valor paisaxístico e cultural como é o do Mosteiro Cisterciense de Santa María a Real de Oseira, que conta coa declaración de BIC na categoría de monumento histórico, e é un dos principais referentes patrimoniais na Vía da Prata ao seu paso pola provincia de Ourense.

Publicacións Relacionadas