- No evento están programadas actuacións musicais e outras actividades para público familiar como maxia, cinema ou festa infantil
O Concello de Bueu, a través da concellaría de cultura, organiza esta semana as festas de Beluso que contarán cunha programación variada e diversa destinada ao público familiar e que terán lugar no Parque Joe Novas.
Os festexos arrancarán o xoves 14 de agosto pola tardiña con actividades para os máis pequenos e pequenas. Ás 20.30 horas, haberá un espectáculo de maxia “Don Gelati” no que Dani García Dani García unha comedia máxica onde a expresión corporal substitúe ás palabras, e onde a comunicación co público é constante e dinámica. A continuación, ás 22 horas, proxectarase ao aire libre o filme “Del revés”, no que se abordan as emocións e sentimentos dunha forma moi divertida.
O venres, o grupo de gaitas Os Liboreiros fará un pasarrúas polos lugares da parroquia a partir das 12 horas. Pola tarde, ás 17.30 horas, organizarase unha festa infantil con inchables, xogos e actividades variadas, e xa pola noite será a verbena co grupo local Distrito 7.
O sábado actuará ás 20 horas o grupo Novos Ventos e rematará coa festa a cargo do Dúo Cóctel na plazoleta de Beluso, e coa colaboración do Principado de Beluso.
Festas de Cela
As de Beluso non son as únicas festas destes días. Na parroquia de Cela, coa organización da Asociación de Festas Patronais e a colaboración do Concello de Bueu e da Deputación de Pontevedra, celebraranse as festas na honra de Santa María, San Roque e o Carme. Terán lugar no Eirado de Cela do 15 ao 17 de agosto e inclúen actuacións musicais, actos relixiosos, entre outras propostas.