Demandan un recoñecemento “público, vísibel e duradeiro” para Reboiras, vítima recoñecida do franquismo, polo seu compromiso coas clases populares e a loita pola soberanía nacional de Galiza
A fronte nacionalista lembra que Reboiras desenvolveu unha parte importante da súa vida e da súa militancia política e sindical na cidade de Vigo
Xabier P. Igrexas: “Moncho Reboiras merece un acto de verdade, xustiza e reparación pola seu compromiso patriótico e a súa loita incansábel pola liberdade e a xustiza social do pobo galego”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) anunciou hoxe que vai solicitar formalmente que o Concello de Vigo denomine o auditorio do Centro Cívico de Teis como “Auditorio Moncho Reboiras”, no 50 aniversario do asasinato de Xosé Ramón “Moncho” Reboiras Noia, abatido pola policía franquista en Ferrol o 12 de agosto de 1975.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, destacou que esta proposta busca render unha homenaxe “pública, visíbel e duradeira” a un militante nacionalista que desenvolveu en Vigo, gran parte da súa vida cun intenso activismo político e sindical.
O BNG defende este recoñecemento como un acto de xustiza histórica para Reboiras, declarado vítima da ditadura polo Goberno español en 2009, e para todas as persoas represaliadas polo franquismo.
Un exemplo de loita
Moncho Reboiras, natural de Imo (Dodro), viviu en Vigo, no barrio de Teis, onde a súa familia rexentou o Bar Noia. Na cidade, formouse como enxeñeiro industrial e conectou coa clase obreira forxando a súa conciencia política. “Foi na nosa cidade onde Moncho desenvolvería grande parte da súa labor como organizador, quer no ámbito cultural, no social e, sobre todo, no sindical como operario en Barreras e Álvarez”, explicou Igrexas.
Reboiras destacou polo seu papel na folga de setembro de 1972 e na construción do sindicalismo nacionalista e de clase, converténdose nun referente da loita pola liberdade e a soberanía nacional para Galiza.
Un recoñecemento necesario
O BNG propón nomear o auditorio do Centro Cívico de Teis en honra a Reboiras, recoñecendo o seu “compromiso patriótico cunha Galiza soberana, a súa loita incansábel en favor das clases populares e traballadoras e a súa exemplar militancia en favor da liberdade do noso pobo fronte á ditadura”.
“Nos 50 anos do seu cruel asasinato, cremos que Moncho Reboiras merece este recoñecemento en Vigo como un acto de verdade, de xustiza e de reparación” para el e todas as vítimas do franquismo, remachou Igrexas.