• “O BNG está a crear unha Pontevedra desigual: parroquias de primeira e parroquias de segunda. Esta discriminación é inaceptable e supón un auténtico desprezo a miles de veciños e veciñas que ven como se lles nega un servizo básico de mobilidade”, denuncia a edil popular.
• O Partido Popular de Pontevedra esixe ao goberno do BNG que actúe con responsabilidade e garanta unha conexión frecuente, directa e eficaz entre as parroquias e o centro urbano.
O Partido Popular de Pontevedra denuncia unha vez máis o trato desigual que o goberno municipal do BNG, encabezado por #Miguel Anxo Fernández Lores, mantén cara ás parroquias do municipio, particularmente no relativo ao acceso a un sistema de transporte público digno, accesible e equitativo.
Nesta ocasión, a concelleira Aroa Otero pon o foco na liña de autobús directo entre A Canicouva e o centro urbano, que conta con ata 16 frecuencias diarias entre as 08:30 e as 20:30 horas. Mentres tanto, o resto de parroquias continúa sen dispoñer dun servizo similar, véndose relegadas ao denominado Coche de Punto do BNG, un modelo que, como sinalou o presidente local do Partido Popular, Rafa Domínguez, “é un fracaso absoluto”.
Este sistema de transporte a demanda só funciona de luns a venres, entre as 7:00 e as 14:00 horas, debe solicitarse con polo menos un día de antelación, e apenas rexistra unha media de 8,5 viaxes diarias, a pesar de que supuxo un investimento inicial de 343.000 euros e chega con 10 anos de atraso.
“O BNG está a crear unha Pontevedra desigual: parroquias de primeira e parroquias de segunda. Esta discriminación é inaceptable e supón un auténtico desprezo a miles de veciños e veciñas que ven como se lles nega un servizo básico de mobilidade”, denuncia a edil popular.
Desde hai anos, o PP de Pontevedra reclama un sistema de transporte público xusto para todo o municipio, sen excepcións. Como medida inmediata e viable, este grupo municipal propón a ampliación da liña de autobús da Canicouva a outras parroquias da contorna, como Ponte Sampaio, Tomeza ou Salcedo, así como a creación dunha liña similar para as parroquias do norte do termo municipal.
“Se o BNG realmente quixese gobernar para todos os pontevedreses, podería poñer en marcha esta solución de forma inmediata”, subliña Otero.
A proposta do PP non só responde a unha demanda histórica das parroquias, senón que favorecería unha mobilidade máis sostible, ao reducir a dependencia do vehículo privado, aliviar o tráfico, rebaixar a contaminación acústica e ambiental, e supoñer un aforro económico para as familias. Ademais, permitiría dinamizar a economía local e reforzar a conexión das parroquias cos principais servizos da cidade.
Por todo iso, o Partido Popular de Pontevedra esixe ao goberno do BNG que actúe con responsabilidade e garanta unha conexión frecuente, directa e eficaz entre as parroquias e o centro urbano. “Non aceptamos que o lugar onde un vive determine a súa calidade de vida”.