Esta moción vai acompañada do apoio de 1.504 sinaturas, un respaldo importante da veciñanza que demandan a creación destes espazos para facer do noso concello un lugar máis inclusivo e amigable para as familias que teñen mascotas.
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) levará ao pleno municipal que se celebrará este xoves, 14 de agosto, unha moción na que propón o estudo para a creación de áreas recreativas específicas para mascotas caninas no concello.
En xuño do 2022, o BNG presentou a primeira proposta solicitando a creación dun parque canino nos terreos do INVIED, xunto ao río Lameira, un espazo de uso habitual para o paseo de mascotas. Mais a demora do goberno do PP en atender esta necesidade social levou ao BNG a presentar unha nova proposta dous anos despois, en xuño do 2024, solicitando un estudo técnico para a creación de diferentes áreas recreativas precisas.
Nas últimas décadas aumentou considerablemente o número de persoas que deciden ter animais de compañía e isto conleva a implicación das administracións públicas para cubrir as novas necesidades da sociedade. O concello de Marín debería contar con espazos de esparcemento para as mascotas, unha medida que busca mellorar a convivencia e a integración dos animais na vida comunitaria dos espazos públicos.
Lucía Santos, voceira do BNG, indica que esta proposta é unha demanda veciñal onde poder ter os cans libres para que xoguen e interactúen con outros cans, sen risco de ser sancionados por incumprir a lexislación vixente, e onde se minimicen os problemas de seguridade.
Esta moción vai acompañada do apoio de 1.504 sinaturas, un respaldo importante da veciñanza que demanda a creación destes espazos para facer do noso concello un lugar máis inclusivo e amigable para as familias que teñen mascotas.