HomeXunta de GaliciaA Xunta apoia con preto de 140.000 euros máis dunha vintena de...

A Xunta apoia con preto de 140.000 euros máis dunha vintena de accións de dinamización da área de influencia do Parque Nacional das Illas Atlánticas

- Anuncio -spot_img
  • A resolución das achegas, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, permite realizar 22 proxectos para eliminar especies exóticas invasoras, fomentar prácticas sostibles ou a posta en valor do patrimonio natural e cultural do parque, entre outras accións
  • O fin último das axudas é favorecer o desenvolvemento da contorna deste espazo natural protexido de xeito harmonioso e compatible cos obxectivos de conservación

A Xunta apoia este ano con algo máis de 138.000 euros un total de 22 actuacións impulsadas por concellos, empresas, institucións sen fins de lucro e particulares na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

A resolución das axudas da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, supón a utilización da práctica totalidade do orzamento dispoñible na convocatoria de 2025, de arredor de 141.000 euros.

As achegas, que poden cubrir ata o 100% do investimento subvencionable, buscan promover o desenvolvemento sostible das poboacións asociadas ao parque e apoian accións de conservación ou restauración do patrimonio da zona. Tamén buscan eliminar impactos sobre os valores naturais ou culturais, favorecer actuacións dirixidas a garantir a compatibilidade das actividades e dos usos tradicionais na contorna, a posta en marcha de iniciativas económicas relacionadas con este espazo protexido e accións orientadas á divulgación e formación nos valores que leva implícitos.

Os proxectos máis numerosos son os promovidos por institucións sen fins de lucro, cun total de 11 que suman un importe de máis de 64.000 euros. Neles recóllense diferentes actuacións como a eliminación e control de especies exóticas invasoras, actividades de sensibilización e concienciación para un desenvolvemento sostible do parque, un campo de voluntariado ambiental e distintas accións coas que poñer en valor o patrimonio cultural e natural dos catro arquipélagos que conforman o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia: Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada.

As achegas aprobadas a empresas foron un total de oito, por un importe total de 48.000 euros, con finalidades semellantes ás anteriores: eliminación de especies exóticas invasoras nas Cíes ou Sálvora, a promoción dun ecoturismo accesible a persoas con diversidade funcional visual ou distintos proxectos para dar a coñecer ao conxunto da cidadanía a historia e a riqueza natural que agocha o parque.

No caso das axudas a concellos, foron un total de dúas que suman un importe de 19.900 euros, para divulgar o patrimonio da illa de Sálvora e estudar o solo do Parque de Compostela, no concello de Vilagarcía de Arousa. No caso dos particulares, houbo unha única achega, de 6.000 euros, para un proxecto que ten como obxectivo o mantemento e recuperación da tipoloxía construtiva tradicional dunha casa na illa de Ons.

O fin último destes apoios é favorecer o desenvolvemento da zona de influencia socioeconómica do parque de xeito harmonioso e compatible cos obxectivos de conservación deste espazo natural protexido.

Publicacións Relacionadas