O Concello de Pontevedra continúa a executar pequenas obras de mellora urbana en distintos puntos da cidade co obxectivo de mellorar a calidade da vida da veciñanza. Unha destas actuacións é a construción dun novo tramo de beirarrúa -de 150 metros- na rúa María Victoria Moreno entre arcebispo Lago e arcebispo Xelmírez, un proxecto deseñado para dotar de continuidade e seguridade ao tránsito peonil nunha zona que carecía dela.
Durante a visita do concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda, para supervisar os traballos de formigonado, destacou a importancia destas intervencións. “O obxectivo é ordenar a contorna e acondicionala con accesibilidade para todas as persoas”, afirmou Moreda.
A nova beirarrúa, construída en formigón pulido, non só crea un itinerario peonil seguro, senón que tamén integra elementos para a humanización do espazo como a creación dunha socava para a futura plantación dunha árbore, garantir a correcta recollida de augas pluviais e instalar as ramplas de acceso aos garaxes.
Xaquín Moreda insistiu en que, aínda que poida ser considerada unha “obra pequena”, o seu impacto é notable porque “mellorará moitísimo a accesibilidade ea ordenación de toda esta contorna de María Victoria Moreno”, subliñou.
Esta actuación enmárcase nunha estratexia máis ampla do seu departamento para levar a cabo intervencións similares noutros barrios, demostrando o compromiso do goberno local coa mellora constante do espazo público.
Na rúa Francia procederase a modificar a mediana existente para crear unha dársena de estacionamento para servizos. O obxectivo é facilitar as tarefas de carga e descarga aos negocios situados nesta vía, cambiando a fisonomía da zona para facela máis funcional.
Na zona de Tafisa solucionarase o problema do aparcamento indebido sobre as zonas axardinadas. A intervención consistirá na instalación de bordos para definir claramente os espazos verdes e delimitar a liña de circulación, evitando así que se deterioren os xardíns.
Estas actuacións, segundo Moreda, forman parte dunha estratexia continua do seu departamento para responder ás necesidades da veciñanza e seguir mellorando a calidade urbana de Pontevedra, demostrando o compromiso do goberno local coa mellora constante do espazo público.