- A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou na inauguración do XI Encontro de Cacharreiros, que se celebra no Museo da Olería de Niñodaguia desde hoxe ata o vindeiro sábado 16 de agosto
- Organizado polo Concello de Xunqueira de Espadanedo e patrocinado pola Xunta desde as súas orixes, o encontro consolídase como referencia clave para o sector da olería galega e internacional.
- A programación ofrece demostracións, obradoiros, venda directa e visitas guiadas ao museo para dar a coñecer a historia e evolución da olería tradicional en Galicia.
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá na inauguración do XI Encontro de Cacharreiros, que se celebra no Museo da Olería de Niñodaguia desde hoxe ata o vindeiro sábado 16 de agosto, no concello de Xunqueira de Espadanedo, un dos catro centros históricos de olería tradicional activos en Galicia. A través da Fundación Artesanía de Galcia, a Xunta renova o seu compromiso coa conservación, recuperación e posta en valor da olería tradicional e do labor dos oleiros galegos.
Este evento, organizado polo Concello de Xunqueira de Espadanedo e patrocinado pola Xunta desde as súas primeiras edicións, consolídase como unha cita esencial para o sector da olería e a cerámica, tanto a nivel galego como internacional.
Na cita deste ano participan destacados oleiros e artesáns, entre os que se atopan Agustín Vázquez e Enrique Cabana, representantes de Niñodaguia; Olería do Batán, de Baños de Molgas; Carlos San Claudio, de Vigo; Antón Román, de Gondomar; Susana González, de A Coruña; e Antía Caldeiro, de Xunqueira de Espadanedo. Tamén estarán no encontro o telleiro O Buraco, do Rosal, así como os artesáns portugueses Carlos Lima e Xana Monteiro, que achegan unha dimensión transfronteiriza a estas xornadas.
A programación de actividades inclúe demostracións de olería tradicional e técnica raku, obradoiros de cerámica e venda directa de pezas artesás. Ademais, o público poderá participar en visitas guiadas ao Museo da Olería de Niñodaguia, que se realizarán en dúas quendas, ás 12,00 e ás 18,00 horas, durante os tres días que dura o evento. O programa complétase con actuacións musicais de grupos de música tradicional, como Tino Vaz, este xoves, e Xunquereteiras, mañá venres a partir das 21,30 horas.