A Asociación Veciñal San Cosme de Maianca, a Comisión de Festas do Mar, a Asociación Veciñal San Antón de Dexo, a Cofradía de Santa Ana, a Agrupación Cultural A Marola, a Asociación Cultural O Amanexo, a Cofradía de Pescadores de Lorbé e a Coral Polifónica de Mera dirixíronse ao Concello para que requira á Autoridade Portuaria a reconsiderar a recente actuación de pintado dos faros de Mera, por considerar que non se axustou a criterios de sustentabilidade ambiental nin de conservación do patrimonio. O Concello de Oleiros está totalmente de acordo con esta demanda, trasladada tamén por moitos veciños e veciñas a título individual, polo que o alcalde dirixiuse por escrito á Autoridade Portuaria para que atenda esta petición e se proceda a restaurar as bases do faro, deixándoas no estado previo ao que atopaban antes do actos vandálicos do pasado mes de abril.
Tal e como reclaman as entidades veciñais do norte do municipio, igual que non se autorizaría o pintado das bases da Torre de Hércules por parte de escolares ante a aparición de grafitis, os faros de Mera deberían ter as mesmas consideracións. Están catalogados como ben patrimonial e están incluídos na listaxe de bens do patrimonio cultural da Xunta de Galicia.
Os faros de Mera son moito máis que guías para a navegación. Construídos no 1917, son un dos grandes símbolos da localidade e lugar de visita para centos de persoas que ao longo de todo o ano visitan Oleiros.