HomeA CoruñaA Coruña acolle de novo aos catro grandes do baloncesto galego 19...

A Coruña acolle de novo aos catro grandes do baloncesto galego 19 anos despois

- Anuncio -spot_img

Inés Rey: “A Copa Galicia reúne á elite do noso baloncesto e este ano volverá a sentirse en A Coruña”

A Copa Galicia de Baloncesto volverá celebrarse na Coruña os días 5 e 6 de setembro, reunindo aos catro grandes clubs galegos —Breogán, Obradoiro CAB, Club Ourense Baloncesto e Básquet Coruña— 19 anos despois da súa última edición na cidade.

A presentación oficial celebrouse este xoves no Salón de Sesións do Pazo Municipal coa presenza da alcaldesa da Coruña, Inés Rey; do xefe de Servizo Provincial de Deporte da Xunta de Galicia, Roberto García; do concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez; e do presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez.

En representación dos clubs participantes interviñeron: Carmen Lence, presidenta do Leche Río Breogán; Rafael Silva, conselleiro do Monbus Obradoiro; Sergio Pérez Anagnostou, director deportivo do Club Ourense Baloncesto; e, polo Leyma Coruña, Miguel Valín, vicepresidente, e Carlos Uzal, director deportivo.

Tamén estiveron presentes a directora xeral da FEGABA, Susana Fernández Fiuza; o director comercial da federación, José Cobelo López; o xuíz único do Comité de Apelación, Miguel Juane; e o xefe de prensa do Monbus Obradoiro, Pablo Va Vroenhoven.

O torneo, organizado pola Federación Galega de Baloncesto, conta co apoio do Concello da Coruña e do IMCE, que pon a disposición a instalación municipal do Coliseum para a celebración desta cita. A distribución dos partidos anunciarase nos vindeiros días.
Inés Rey salientou que “a Copa Galicia reúne á elite do noso baloncesto e este ano volverá a sentirse en A Coruña, diante dunha afección que sempre responde e que enche de vida a cidade”. A alcaldesa lembrou que a última vez que a Coruña foi sede desta competición foi no 2006 e subliñou que “19 anos despois, esta Copa Galicia é tamén unha oportunidade para impulsar o noso comercio, a nosa hostalaría e a proxección da Coruña como cidade aberta, dinámica e apaixonada polo deporte”.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou que “esta cita é unha ocasión para gozar do mellor baloncesto galego e tamén para que A Coruña demostre, unha vez máis, que está preparada para organizar eventos deportivos de máximo nivel”.
O Básquet Coruña aproveitará a competición para presentar o seu novo equipo diante da súa afección, nun momento de especial ilusión para o club antes do inicio da tempada oficial.

A celebración da Copa Galicia no Coliseum, instalación municipal xestionada polo IMCE, reafirma o compromiso do Concello con atraer grandes eventos deportivos e consolidar a Coruña como referente autonómico e nacional na organización deste tipo de competicións. Apoio municipal ao club

Onte aprobouse a modificación do obxecto do convenio nominativo entre o Concello da Coruña e o Básquet Coruña, que permitirá manter a achega de 150.000 euros ao club a pesar do seu descenso á Primeira FEB. Esta decisión reafirma o compromiso do Goberno de Inés Rey coa continuidade do proxecto e co obxectivo de volver ver ao equipo herculino na elite do baloncesto nacional.
“O Concello seguirá apoiando o Básquet Coruña, e por iso manteremos a nosa achega económica nos mesmos termos que na tempada pasada”, sinalou a rexedora, quen adiantou que xa se está a ultimar o convenio de cesión para que o Leyma siga xogando no Coliseum, a súa casa no vindeiro curso.

Publicacións Relacionadas