Os traballos son realizados pola especialidade de pintura industrial en construción.
O Obradoiro de Emprego “A Laracha IX” continúa desenvolvendo a fase práctica da formación do alumnado mediante a realización de traballos de interese xeral no municipio.
A especialidade de pintura industrial en construción actúa nestes días nos vestiarios do complexo deportivo do Campo Municipal da Laracha, que empregan tanto os usuarios do campo de fútbol como os das pistas de pádel e tamén, de ser necesario, os do pavillón polideportivo, xa que contan cun acceso interior directo a esas instalacións.
Os traballos que se están a executar consisten no pintado interior e exterior dos vestiarios para renovar o seu aspecto e realizar melloras puntuais reparando espazos deteriorados polo propio uso do equipamento.
O alcalde, José Manuel López Varela, e os concelleiros José Ramón Martínez Barbeito e Rocío López, visitaron o lugar das actuacións, onde mantiveron un encontro tanto coa directora do obradoiro como co mestre e o alumnado da especialidade de pintura industrial en construción, para supervisar os traballos en execución.
Cabe lembrar que previamente esta mesma especialidade actuara nos vestiarios do campo de fútbol municipal A Porta Santa de Paiosaco, na estrutura metálica da cuberta do pavillón do IES Agra de Leborís e tamén no peche perimetral dese mesmo centro de ensino.
O Obradoiro de Emprego “A Laracha IX” tamén conta coa especialidade de traballos de carpintería e moble, que centra o seu labor desde hai varias semanas na mellora do paseo fluvial do Anllóns.
En total entre ambos grupos suman 20 alumnos traballadores, que reciben formación teórica e práctica durante todo o programa para adquirir experiencia laboral mentres melloran a súa cualificación profesional e realizan actuacións de interese xeral para a cidadanía larachesa.
Este obradoiro conta cun orzamento global que supera os 541.000 euros, cofinanciados entre o Concello e a Xunta de Galicia. Ademais, destinaranse adicionalmente outros 18.000 euros para incentivar a contratación do alumnado por parte de empresas privadas ao remate da súa formación o vindeiro día 1 de setembro.
Con iniciativas coma esta, o Concello mostra a súa aposta polo desenvolvemento de políticas activas de emprego, neste caso promovendo a inserción laboral mediante a formación e capacitación de persoas desempregadas en sectores con demanda de traballadores cualificados. Durante os nove meses de duración do Obradoiro de Emprego, o alumnado está vinculado ao Concello cun contrato de formación.