músico ofrecerá o seu espectáculo “Tribal” no marco desta nova iniciativa provincial, formada por espectáculos de alta calidade artística en enclaves e espazos patrimoniais da provincia
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 16 de agosto o novo programa provincial Son Verán a Cerdedo-Cotobade da man dun concerto de Óscar Ibáñez. O músico ofrecerá o seu espectáculo “Tribal” no campo da festa de Vilanova de Tenorio a partir das 22:30 horas no marco desta nova iniciativa provincial, un ciclo de 13 concertos entre os meses de agosto a outubro en enclaves e espazos patrimoniais e paisaxísticos dos concellos da provincia.
Óscar Ibáñez é un artista cativador que, partindo das súas raíces, crea una fusión musical atlántica entre investigación e creación, o que dá como resultado un son fascinante con selo propio. Tras realizar máis de 250 concertos por toda a península ibérica e participar nalgúns dos festivais folk internacionais máis importantes, presenta o seu novo espectáculo “Tribal”, co que celebra o 20 aniversario da súa traxectoria artística. Nel combina novas pezas con algúns dos temas máis destacados dos seus discos, e no escenario de Cerdedo-Cotobade ofrecerá unha proposta enérxica na que mestura melodías tradicionais galegas con ritmos europeos e americanos.
Ademais de Óscar Ibáñez, forman parte de Son Verán Emilio Rúa, Carlos Núñez, OperaConcert e o dúo conformado por Teo Cardalda e María Monsonís, que actuarán proximamente nos concellos de Baiona, Cangas do Morrazo, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Forcarei, Mondariz, Moraña, Poio, Ponteareas, Sanxenxo e Vilanova de Arousa. Son Verán é unha aposta da Deputación pola descentralización das actividades culturais ao longo de todo o territorio provincial, impulsando unha programación musical de primeiro nivel en todas as comarcas da provincia.