HomePontevedraO Concello insta á Xunta a que ordene a Ence deixar de...

O Concello insta á Xunta a que ordene a Ence deixar de captar do Lérez ao estar por baixo do caudal ecolóxico

- Anuncio -spot_img

A Xunta de Goberno Local volveu a tratar esta mañá a situación de abastecemento no concello e o caudal e nivel da auga do río Lérez. Ante a situación complexa de baixada paulatina dos niveis do río, a tenente de alcalde Eva Vilaverde explicou esta mañá que o Concello enviará unha comunicación á Xunta instándoa a que orde a ENCE a que deixe de captar do río e garantir así o abastecemento á poboación. Fixo este chamamento tendo en conta que non está previsto chuvia nos vindeiros días.

Eva Vilaverde explicou que o caudal do río xa quedou por debaixo do caudal ecolóxico (1,516 m3/s). “No día de onte, o caudal máximo da auga foi de 1,54 e o pico máximo durante o día foi 1,54 m³/s e o mínimo baixou a 1,410 m³/s. A media quedou en 1,479 m³/s, que supón estar por baixo do caudal ecolóxico do río. Isto é especialmente grave se temos en conta a tendencia e se temos en conta a predición meteorolóxica para os próximos días”, afirmou.
“Polo tanto, ante esta tendencia en picado á baixa e ante a situación meteorolóxica e a previsión de que non vai haber nin unha pinga de auga durante os seguintes días, facemos un chamamento á Xunta de Galicia para que, por favor, decrete xa a parada de Ence para que non se siga abastecendo das augas do río Lérez, porque corre risco o abastecemento da poboación nos próximos días”, advertía Eva Vilaverde.
“O que vai facer o Concello de Pontevedra é mandar unha comunicación no día de hoxe á Xunta de Galicia para instar a que adopte medidas neste sentido: pedir ou decretar a paralización do abastecemento de Ence das augas do río Lérez e garantir así o abastecemento da poboación durante o mes que temos por diante, que non parece que vaia a mellorar moito no que ten que ver coa choiva”.

Publicacións Relacionadas