O espectáculo circense “4.0”, de Sue Moreno, representarase ás 17:30 horas na Praza de Ferrol de Cuntis, mentres que a peza de danza “Un baile ceibe”, de Fran Sieira Compañía de Danza, terá lugar na Praza da Chan de Carballedo a partir das 19:00 horas
+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes
A Deputación de Pontevedra leva este venres 15 de agosto o circuíto +Escénicas ao concello de Cuntis da man do espectáculo circense “4.0”, de Sue Moreno, e ao concello de Cerdedo-Cotobade da man da peza de danza “Un baile ceibe”, de Fran Sieira Compañía de Danza. Trátase de dúas actuacións enmarcadas na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
“4.0”, de Sue Moreno, representarase ás 17:30 horas na Praza de Ferrol de Cuntis e é un espectáculo no que se mestura técnicas aéreas circenses con cancións e teatro físico, nunha estrutura de 6 metros de altura e tomando o humor como partitura. A historia presenta unha muller no seu día a día, tratando de conciliar traballo, vida e maternidade e mostrando as mil caras desta etapa desde unha mirada divertida, tenra e, ás veces, absurda.
Pola súa banda, “Un baile ceibe”, de Fran Sieira Compañía de Danza, interpretarase ás 19:00 horas na Praza da Chan de Carballedo, en Cerdedo-Cotobade. Esta peza de danza contemporánea afonda en como o xénero está presente en diferentes ámbitos, incluíndo unha manifestación cultural tan importante como o baile tradicional. A compañía de Fran Sieira reflexiona sobre os estereotipos impostos socialmente e a importancia de construír novas formas de comprender o corpo e o movemento.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.