“Museo encantado”, do ilusionista Dani García, representarase ás 11:00 horas na Praza Frei Antonio Orge
+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 16 de agosto o circuíto +Escénicas ao concello de Ponte Caldelas da man do espectáculo de maxia para todos os públicos “Museo encantado”, a cargo do ilusionista Dani García. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
“Museo encantado” representarase ás 11:00 horas na Praza Frei Antonio Orge e encádrase nun novo concepto de espectáculo participativo. O público de Ponte Caldelas poderá percorrer comodamente unha instalación composta por catro micro-pezas de maxia completamente diferentes en ritmo, estética e concepto: unha caseta cun autómata que le o futuro, unha cabina londinense cun teléfono máxico, un fotomatón que permite viaxar polo mundo e un confesionario de igrexa onde nada é o que parece. Ademais, o comisario desta especial exposición é a alma que xuntou todos estes encantos para o deleite de cativos e maiores.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.