A Alameda da localidade de Entrimo será hoxe, a partir das 20,30 horas, o único escenario das Xornadas coas actuacións folclóricas dos grupos de Arxentina, Filipinas e Ucraína
O Festival previsto para ás 22,30 horas na Praza Maior de Viana foi cancelado por motivos de seguridade debido aos incendios que asolan a zona
Ademais mañá quedan suspendidas as actuacións en A Rúa e o Festival previsto na Praza Maior de Carballiño trasladase á Praza da Veracruz coa participación das seis agrupacións
As actuacións das Xornadas de Folclore quedan restrinxidas por terceiro día consecutivo a unha soa vila, Entrimo, ás 20,30 horas. No contexto da situación actual de emerxencia na provincia polos incendios forestais, en coordinación cos concellos e baixo o principio de precaución e seguridade, a organización das Xornadas de Folclore decidiu a cancelación do espectáculo previsto para hoxe en Viana, así como as actuacións programadas para mañá sábado, día 16, na Rúa e o luns, día 18, en Trives.
O encontro folclórico previsto mañá, ás 22,30horas, na Praza Maior de Carballiño trasladase á Praza da Veracruz, xa que contará coa actuación das seis agrupacións folclóricas que forman parte destas Xornadas que cumpren 40 anos e están organizadas pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos diferentes concellos anfitrións.
Despois de dous días sen poder actuar polas cancelacións, a Alameda de Entrimo recibirá aos grupos Huayra Muyoj de Arxentina, Phicas of BC de Filipinas e Folk Dance Ensemble Volynianka de Ucraína. Será ás 20,30 horas.
A agrupación ucraína foi creada no ano 1959 na cidade de Lutsk, no noroeste do país, próxima á fronteira polaca, sendo unha das poboacións máis antigas do país. O repertorio que ofrecen bailaríns e músicos inclúe, sobre todo, danzas e coreografías creadas e baseadas no folclore da Polesia, rexión pantanosa que se estende por Ucraína, Bielorrusia e Polonia. Representa o ciclo festivo anual rural, conservador e transmisor da cultura popular do país. Tamén incorpora o folclore doutras rexións de Ucraína e bailes cosacos. O folclore deste país é coñecido e admirado polos seguidores das Xornadas, xa que participou noutras edicións, e sempre foi agasallado con fortes aplausos.
Mañá, 16 de agosto: Praza da Veracruz Carballiño
Debido ás obrigadas cancelacións destes últimos días por motivos de seguridade, a organización tomou a decisión de levar ata Carballiño ás seis agrupacións folclóricas participantes nas Xornadas. Por iso o escenario trasladase dende a Praza Maior ata a Praza da Veracruz. A cita será ás 22,30 horas
O resto de actuacións na provincia, salvo as de mañá, día 16, na Rúa e as de Trives, o luns, día 18, mantense polo de agora, pendentes da evolución dos lumes en Ourense para tomar as decisións máis axeitadas.