San Sadurniño tamén acollerá o venres o II Encontro Atlántico de Festivais de Cinema, organizado pola coordinadora Proxecta
Iniciamos unha semana que, no cultural, virá marcada en San Sadurniño pola creación audiovisual. Para o Chanfaina lab aínda faltan dúas semanas -celebrarase do 5 ao 7 de setembro-, pero nos próximos días teremos tres citas que conectan directamente con este encontro. Así, o venres 22 terá lugar na Casa da Cultura o II Encontro Atlántico de Festivais de Cinema organizado pola coordinadora Proxecta, que terá parte profesional de mañá e parte aberta ao público pola tarde. As outras dúas propostas inminentes serán os obradoiros gratuítos do realizador e fotógrafo Iago Lourido (mércores e sábado) e do actor Kevin Lorenzo (xoves e sábado), centrados respectivamente na iniciación á dirección de fotografía e na interpretación para cine. Ambos cursos acelerados, que forman parte da programación chanfaineira, desenvolveranse na Casa da Xuventude de 16:00 a 20:00h e para apuntarse neles hai que contactar cos profesores o antes posible, xa que as prazas son limitadas. Iago atende no 684 131 261 e Kevin no 711 731 727.
A dirección de fotografía é unha das áreas esenciais do cine, xa que define a linguaxe visual dunha obra a través da luz, a cor, o encadre e os movementos de cámara. Non se trata só de filmar ben, senón de transmitir emocións e atmosferas que acompañen o relato. O obradoiro de Iago Lourido permitirá achegarse a estas decisións técnicas e creativas, coñecendo recursos que marcan a diferencia entre unha gravación convencional e unha peza cunha estética cinematográfica de calidade.
Esta actividade terá contido teórico e, sobre todo, moi práctico, co obxectivo de que as persoas participantes poidan ver de que maneira se lle imprimen significados á imaxe por medio dos planos, as perspectivas, os movementos e o uso da iluminación, entre outros aspectos. O obradoiro desenvolverase este mércores 20 e o sábado 23 de agosto.
Pola súa parte, Kevin Lorenzo achegará as claves da interpretación ante a cámara, un rexistro moi distinto ao que se emprega no teatro ou na televisión en directo. E é que no cinema cada xesto e cada silencio cobran unha grande relevancia, porque a cámara capta detalles minúsculos imposibles de reproducir nun escenario. Ademais a acción fragméntase con distintos planos que moitas veces requiren cambiar a cámara de posición e repetir tomas. Por esta razón, salvo casos contados en que se grava todo do tirón (a serie “Adolescence” de Netflix é un bo exemplo), na dinámica da filmación hai moitas interrupcións que despois, na montaxe final, deben quedar como un discurso fluído.
O curso de Lorenzo explorará técnicas para acadar a naturalidade, a contención, a conexión emocional coa cámara e tamén o que se debe ter en conta para que o tono interpretativo se manteña en cada plano e en cada toma, independentemente das veces que haxa que cortar e do tempo que leve gravar unha escena. Poderemos asistir á master class o xoves 21 e o sábado 23 de agosto.
O segundo día dos cursos de Iago Lourido e Kevin Lorenzo será compartido, co obxectivo de crear un espazo colaborativo no que actrices, actores e persoas encargadas da cámara poidan experimentar xuntas. Deste modo preténdense xerar situacións reais de rodaxe onde se poña en práctica o aprendido nos dous obradoiros.
As inscricións están abertas desde hai uns días e poden formalizarse chamando ao 711 731 727 (Kevin) ou ao 684 131 261 (Iago). Ambos cursos son de balde e desenvolveranse de 16:00 a 20:00h na Casa da Xuventude.
Estas dúas actividades encádranse na programación do X Chanfaina lab, que ten prevista a súa primeira parte, a da gravación das curtametraxes, para a fin de semana do 5 ao 7 de setembro -a segunda parte será a das estreas, aló polo mes de febreiro-. O encontro ampliou nas últimas edicións o seu contido incorporando sesións formativas sobre distintos aspectos técnicos, que se ofrecen de balde e con conceptos moi básicos e accesibles para calquera persoa, co obxectivo de democratizar a creación audiovisual.
O Chanfaina Lab, está organizado polo Concello de San Sadurniño coa colaboración da Deputación da Coruña. Este ano tamén conta cunha actuación musical do programa DinamizARTJ dos Convenios da Transición Xusta.
O venres, II Encontro Atlántico de Festivais de Cinema
Entre os minicursos de Lourido e Lorenzo, o Concello deixou libre á mantenta o venres 22 de agosto, día no que San Sadurniño acollerá o outro grande evento relacionado co noso audiovisual: o II Encontro Atlántico de Festivais de Cinema, organizado pola coordinadora Proxecta.
O encontro está concibido como un espazo de diálogo e intercambio entre profesionais do sector audiovisual, con especial atención nesta ocasión ao papel que representan os festivais en zonas rurais. Comezará ás 12:00h coa benvida ás persoas participantes e a inauguración oficial, seguida ás 12:30h dunha mesa redonda orientada a profesionais do sector baixo o título “Festivais do rural: cultura, comunidade e territorio”, que abordará as oportunidades e desafíos que supón levar programación audiovisual de calidade a espazos afastados dos grandes polos culturais das vilas e cidades.
Pola tarde, a iso das 17:00h, haberá unha visita guiada polos principais elementos paisaxísticos e patrimoniais da zona urbana de San Sadurniño e ás 19:00h proxectarase con entrada libre unha escolma de curtas producidas en distintas edicións do Chanfaina lab. Será o anticipo do pase, tamén gratuíto, da longametraxe “Salvaxe, Salvaxe”, de Emilio Fonseca. O director e a produtora do filme, Xiana do Teixeiro, participarán ao seu remate nun coloquio co público.