Miles de persoas gozaron dunha noite histórica de motor, música e gastronomía na Praza do Calvario, co campión local como gran protagonista
A Praza do Calvario converteuse este venres no centro do espectáculo sobre dúas rodas coa magnífica exhibición do piloto profesional, o rosaleiro Gabriel Marcelli, que fixo gozar ao público cunha demostración de talento, técnica e valentía digna dun referente mundial do trial.
Dende as primeiras horas da tarde, veciños e visitantes fóronse achegando para garantir un bo lugar e non perder detalle deste evento histórico. Ás 20:30 horas, entre aplausos e o ánimo constante dos dous speakers; Manuel e Umberto, Marcelli comezou a desafiar a gravidade con saltos imposibles, equilibrios milimétricos e manobras sobre obstáculos extremos que fixeron vibrar tanto a pequenos como a maiores.
O ambiente festivo completouse coa música en directo dun DJ, que mantivo a enerxía alta durante a xornada, e cunha ampla oferta gastronómica a cargo dos postos e establecementos locais, garantindo que nesta cita non faltase comida para todos.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, amosou a súa satisfacción polo éxito do evento: “Foi unha gran noite para a historia do noso municipio. Vivimos un día que quedará sempre para a lembranza colectiva do Rosal da man do noso gran campión de trial, Gabriel Marcelli. Gabri non é só un referente deportivo: é exemplo de humildade, esforzo, traballo, responsabilidade e sinxeleza que encarna grandes valores tanto humanos coma deportivos. Sentimos un fondo orgullo rosaleiro no que agradecer a Gabri, a todos os colaboradores, participantes e, como non, ao pobo do Rosal, que unha vez máis respondeu enchendo a nosa praza”.
O evento, organizado polo Concello do Rosal coa colaboración da Liga de Amigos e Prefabricados Estévez, non só serviu para achegar o trial a todo tipo de público, senón tamén para reforzar os vínculos da veciñanza co seu campión. Marcelli, profundamente emocionado polo cariño recibido, non deixou pasar a oportunidade de agradecer os aplausos e dirixirse ao público cunhas sentidas palabras de gratitude.
O Concello xa califica esta primeira exhibición de trial de Gabriel Marcelli no Rosal como un éxito rotundo, tanto pola masiva afluencia de público como polo gran ambiente que houbo durante toda a velada.