Martina Bugallo foi a gañadora desta XIII Edición, mentres que Eduardo Pérez e Carlos Martínez acadaron a segunda e terceira posición respectivamente
A ambas beiras do Río Miño a xornada do domingo estivo marcada pola arte, no marco da decimoterceira edición do Certame de Pintura ao Aire Libre Antonio Fernández, que bateu o récord de participación con 40 artistas.
A actividade celebrouse de forma simultánea nas vilas fronterizas de Tomiño e Vila Nova de Cerveira, onde os e as artistas debuxaron in situ diferentes paisaxes nunha actividade desenvolta pola Eurocidade Cerveira-Tomiño, coa colaboración da Fundaçao Bienal de Arte de Cerveira e da Comunidade de Montes de Goián.
Pola mañá, os soportes foron entregados ás persoas inscritas, que se desprazaron logo a distintos puntos de Goián e Cerveira para deixar voar a súa imaxinación e plasmar en directo tanto as paisaxes coma a vida cotiá destes lugares.
Unha vez finalizadas as obras, a Praza Pintor Antonio Fernández acolleu a exposición e posterior valoración por parte do xurado, formado por artistas de ambas marxes do río: Pilar Piñeiro, Luisa Soeiro, Ana María Pintora e Lucía Nunes, encargadas de escoller as pezas premiadas.
Na categoría de adultos, Martina Bugallo resultou gañadora do primeiro premio do certame, dotado de 1.200 euros, nun acto de entrega presidido pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González. Mentres que o segundo posto foi para Eduardo Pérez e o terceiro para Carlos Martínez, ambos premiados con 500 euros. Pola súa parte, os 3 accésits, dotados de 100 euros cada un, recaeron en Hugo Horstmann, Estela García, Santiago Riera.
Na categoría xuvenil, a premiada resultou Sara Cerqueira, mentres que na infantil foi Tristán Villar quen se fixo co primeiro posto. Ambas recibiron un diploma conmemorativo e material de debuxo e pintura para poder seguir experimentando nesta disciplina.
O Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández, que forma parte das actividades desenvoltas pola Eurocidade Cerveira Tomiño, consolidouse así como unha xornada dinamizadora das rúas e os espazos naturais de Goián e Cerveira, poñendo en valor deste xeito a importancia da arte e da cultura.