Os premios están dotados de 12.000 euros e recoñecerán as comunidades de augas nas categorías de mellor traída veciñal para consumo humano, innovación na xestión comunitaria, boas prácticas en calidade sanitaria e impacto social
A Deputación de Pontevedra pecha o próximo venres 29 de agosto o prazo de presentación de solicitudes á primeira edición dos Premios +Aqua, cos que que recoñecerán as mellores comunidades de augas da provincia de Pontevedra nas categorías de mellor traída veciñal para consumo humano, innovación na xestión comunitaria, boas prácticas en calidade sanitaria e recoñecemento á traída con maior impacto social. En total, os premios están dotados de 12.000 euros, 3.000 por cada unha das catro categorías, que contan todas elas cun primeiro premio de 1.500 euros, un segundo de 900 euros e un terceiro de 600 euros.
Na categoría de mellor traída veciñal para consumo humano o xurado terá en conta cuestións relacionadas coa calidade sanitaria da auga, accesibilidade e cobertura, xestión comunitaria, sostibilidade ambiental, legalidade e seguridade e innovación técnica ou social. Na categoría de innovación na xestión comunitaria valoraranse cuestións como os novos modelos organizativos ou participativos, a transparencia e rendición de contas, a inclusión activa de mulleres, mocidade ou persoas maior, así como a replicabilidade noutras comunidades.
Na categoría de boas prácticas valoraranse o sistema de tratamento e potabilización eficaz, o seguimento analítico periódico e os rexistros dispoñibles, os mecanismos de formación e sensibilización sanitaria para a veciñanza e tamén a coordinación con autoridades sanitarias ou técnicas. Por último, na categoría de recoñecemento no impacto social avaliarase a mellora demostrable na calidade de vida da veciñanza, o abastecemento en zonas illadas ou con dificultade de acceso histórico á auga, a inclusión de colectivos vulnerables e a transformación comunitaria grazas á traída.
O obxectivo dos Premios +Aqua, cuxas bases se poden consultar no BOPPO, é poñer en valor o traballo realizado na provincia por estas entidades, así como promover modelos comunitarios de xestión da auga potable, poñer en valor o traballo veciñal no mantemento de sistemas de abastecemento seguro e responsable, favorecer a aprendizaxe e o intercambio de experiencias replicables noutros territorios, mellorar a súa contribución aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e sensibilizar sobre a importancia da xestión sostible da auga e sobre o valor que achegan as comunidades de usuarios de augas da provincia de Pontevedra.