O presidente provincial recalca a súa mensaxe de solidariedade coas persoas afectadas polos lumes na provincia de Ourense e no resto de territorios do país, así como o seu recoñecemento a todos os que colaboran nas tarefas de extinción
López deu a benvida aos participantes da nova edición da iniciativa, que este ano contará con 26 alumnos de Galicia, País Vasco e Madrid
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, apela un rural con futuro e á actividade económica que xera a gandería no medio como unha das receitas para a prevención dos incendios forestais. Na inauguración da sétima edición da Escola de Novos Gandeiros que impulsa o organismo provincial na Finca Mouriscade en colaboración coa Federación Frisona Galega, o Club de Xóvenes Gandeiros e o Concello de Lalín, o presidente da Deputación volveu lanzar unha mensaxe de solidariedade con todas as persoas afectadas polos lumes e de recoñecemento ao labor de todas as persoas que están a colaborar nas tarefas de extinción destes incendios.
“Lanzamos unha mensaxe de ánimo a todos os afectados polos lumes que están a causar impacto na provincia de Ourense, pero tamén na de Pontevedra e noutros lugares. Destacamos o labor que fan os equipos de extinción de incendios, forzas e corpos de seguridade, voluntariado e tamén os gandeiros”, remarcou o mandatario provincial, quen tamén insistiu “no importante que é entender e atender as necesidades do rural porque se practicar accións sustentables e responsables é unha das mellores maneiras de conter os lumes”, declarou para salientar o traballo que realizan os profesionais do sector gandeiro, tanto para a conservación do medio rural como para colaborar na prevención e extinción dos lumes.
Nas instalacións da Finca Mouriscade, “unha das mellores fincas do mundo que é referencia a nivel nacional e conta cuns profesores excepcionais”, Luis López deu a benvida aos participantes da sétima edición desta Escola de Novos Gandeiros. Unha iniciativa que volve ser un éxito de participación, con 26 asistentes, e na que participan mozos e mozas das catro provincias galegas, así como doutros lugares de España como o País Vasco e Madrid, para coñecer ao longo dunha semana, desde o 18 ao 22 de agosto, o funcionamento dunha explotación gandeira co obxectivo de dar continuidade ao sector e facer fronte ao reto demográfico.
Neste sentido, o presidente provincial afirmou que “o rural ten pasado, presente e futuro. Pasado porque a gandería foi moldeando o noso modo de vida cun respecto pola natureza absoluto, presente porque é un dos motores económicos e de emprego da provincia e de Galicia, e futuro porque esta sétima edición da Escola de Novos Gandeiros volve ser un éxito de participación”, argumentou. Despois de poñer en valor o traballo realizado polos responsables da Fefriga e do Club de Xóvenes Gandeiros polo impulso do sector primario no medio rural, López reafirmou o compromiso da Deputación para seguir colaborando con estas entidades no impulso ao sector agrogandeiro da provincia e convidou a todos os participantes a aproveitar a experiencia e a desfrutar dunha semana de actividade en contacto coa natureza.