O programa vai dirixido a previr a soidade non desexada e promocionar as relacións sociais.
Despois do éxito participativo no almorzo informativo celebrado a pasada semana en Vilaño no marco do proxecto Aloumiños, no que se explicou a programación prevista para os próximos meses e as persoas participantes puideron coñecerse, este xoves continúan as actividades. Será cunha andaina saudable que se realizará de 10:00 a 12:00 horas, con saída desde o Centro Sociocultural de Vilaño. Aquelas persoas que non asistiran á primeira xuntanza e que queiran participar, poden inscribirse chamando ao 698178441.
O proxecto Aloumiños é unha iniciativa impulsada polo Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia e o Sergas, co apoio do Ministerio de Sanidad e da Xunta de Galicia, que procura fortalecer o tecido social e mellorar a saúde física e mental da poboación mediante a dinamización e a intervención sociocomunitaria. Vai especialmente dirixido a persoas maiores de 50 anos e tamén á terceira idade, pero o proxecto está aberto á participación de toda persoa interesada.
As actividades que promove están centradas na prevención e redución da soidade non desexada e a promoción das relacións sociais e veciñais, desenvolvéndose todas elas desde un enfoque transversal, participativo, reflexivo e transformador. Na programación destacan as andainas na natureza, sesións de benestar emocional, exercicios cardiovasculares, obradoiros sociosanitarios e outras actividades culturais, sociais e de lecer.
O Concello apoia esta iniciativa por considerala de alto interese para tecer relacións sociais entre a cidadanía e favorecer o envellecemento activo da poboación larachesa, cos beneficios que iso implica para a saúde física, mental e o benestar persoal e social.