HomePontevedraO Entroido de Verán, espazo libre de violencias machistas

O Entroido de Verán, espazo libre de violencias machistas

- Anuncio -spot_img

– No Entroido de Verán, que se celebra o sábado, haberá “Espazos de Igualdade”, cun punto fixo e outro itinerante. Este servizo fai unha labor non só na atención a posibles vítimas de agresións sexistas, “senón tamén de sensibilización á mocidade sobre a importancia da igualdade e o respecto” explica a concelleira Iria Vilaboa.

– A alcaldesa, Digna Rivas, lembra que o Entroido de Verán de Redondela foi desde sempre “un espazo de diversión e expresión libre e queremos que todos e todas poidan gozar en igualdade de condicións”.

No Entroido de Verán, que se celebra este sábado 23,  o Concello de Redondela pon en marcha unha campaña especial con “Espazos de Igualdade”. Haberá un punto de atención instalado na praza do Concello, xunto ao hospital de campaña, e outro itinerante con Axentes de Igualdade percorrendo todos os espazos da festa. O “Espazos de Igualdade” na praza do Concello realizará tamén actividades de sensibilización coa rapazada e as familias de 18:00 a 02:00 horas. O punto itinerante, con dúas técnicas en Igualdade, percorrerá todos os espazos da festa desde as 22:00 ata as 06:00 horas. Este servizo fai unha importante labor non só na atención a posibles vítimas de agresións ou violencia sexista, senón tamén “para concienciar e sensibilizar á mocidade sobre a importancia da igualdade e o respecto nas relacións” explica a concelleira de Igualdade Iria Vilaboa. A edil explica que a campaña non vai dirixida só as posibles vítimas senón tamén a toda a sociedade, “xa que calquera persoa que presencie comportamentos machistas, agresións, insultos sexistas ou tocamentos non consentidos pode dar a voz de alarma”.

A alcaldesa, Digna Rivas, lembra que o Entroido de Verán de Redondela “foi desde sempre un espazo de diversión e expresión libre e queremos que todos e todas poidan gozar en igualdade de condicións”. Como nos últimos anos, os locais de ocio nocturno e os hostaleiros que instalan barras nas rúas e no recinto da festa colaboran tamén como “Espazos libre de violencias machistas” e contan con protocolos de actuación.  A alcaldesa agradece “a implicación dos locais de hostalaría e lecer nocturno, que se suman a estas campañas e colaboran para un ocio con diversión e respecto”.

Publicacións Relacionadas