HomePontevedraO BNG de Vigo urxe resolver as axudas de comedor e libros...

O BNG de Vigo urxe resolver as axudas de comedor e libros de texto antes do inicio do curso escolar

- Anuncio -spot_img

Denuncia que non están tramitadas despois de catro meses da fin do prazo de solicitude e reclama evitar a demora de cursos pasados, concedidas en decembro

Demanda que o Concello garanta que todo o alumnado que foi beneficiario conte coa bolsa de comedor desde o primeiro día mentres non se publican as listaxes definitivas

Xabier P. Igrexas: “Non podemos aceptar que un curso máis as familias e as ANPAs teñan que atravesar o calvario de non saber canto alumnado vai recibir estas axudas”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia que o Concello de Vigo segue sen resolver as bolsas de comedor, libros de texto e material escolar a só tres semanas do inicio do novo curso escolar. A fronte nacionalista urxe axilizar a tramitación destas axudas, cuxo prazo de solicitude finalizou hai case catro meses, para corrixir a demora dos anos anteriores, resoltas en decembro.

“Estas axudas son absolutamente vitais para máis de 4.000 familias viguesas”, defendeu o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, instando a que o Goberno de Abel Caballero aclares en que prazo van estar tramitadas. “Non podemos aceptar que un curso máis as familias e as ANPAs que xestionan os comedores teñan que atravesar o calvario de non saber canto alumnado vai recibir estas axudas”, demandou.

Igrexas chamou a evitar a “angustia e incerteza” dos dous cursos pasados, con familias agardando un trimestre pola resolución e cun “grave prexuízo” para as ANPAs, que tiveron que adiantar varios meses cos seus propios recursos para que ningún alumno ou alumna quedara sen comedor.

Dende o Bloque alertaron que esta situación afecta especialmente a familias de baixos ingresos, moitas delas en situación de vulnerabilidade social, que se vén privadas dun servizo esencial para garantir a alimentación dos seus fillos e fillas pola “falla de xestión” do Goberno de Abel Caballero.

Comedor desde o primeiro día

En caso de non estar tramitadas antes do inicio do curso, o vindeiro 8 de setembro, a fronte nacionalista demandou garantías do Concello de Vigo para que todo o alumnado que foi beneficiario o curso pasado poida acceder ao comedor desde o primeiro día até que se publiquen as listas definitivas.

“Non hai ningún tipo de xustificación ou escusa para que as familias non poidan coñecer a inicio de curso se van recibir ou non esta axuda, só a incompetencia do Goberno municipal”, afeou o portavoz nacionalista, lembrando que o Concello da maior cidade galega conta cun orzamento de 400 millóns de euros.

Publicacións Relacionadas