HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación leva este xoves o circuíto +Escénicas a Salvaterra de Miño...

A Deputación leva este xoves o circuíto +Escénicas a Salvaterra de Miño cunha obra de teatro infantil

- Anuncio -spot_img

“Máis saaabor!”, de Culturactiva Producións, representarase ás 21:00 horas na Praza do Concello

+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes

A Deputación de Pontevedra leva este xoves 21 de agosto o circuíto +Escénicas ao concello de Salvaterra de Miño da man do espectáculo familiar “Máis saaabor!”, a cargo de Culturactiva Producións. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.

“Máis saaabor!”, que se representará na Praza do Concello de Salvaterra de Miño ás 21:00 horas, é unha peza cómica que xira arredor do mundo da gastronomía e da alimentación saudable, unha proposta que mestura música en directo con maxia, humor, moito ritmo e a participación do público. Dous recoñecidos chefs ofrecen unha comida moi musical para toda a familia, unha visita cómica ao mundo dos fogóns para promover o achegamento á cociña, a alimentación saudable e o consumo de produtos de proximidade entre o público galego. O food truck de “Máis Saaabor!” é un carro de xantar de grandes dimensións do que xorden infinidade de xogos cómicos e máxicos e unha chea de elementos e trebellos cos que cociñar música.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.

Publicacións Relacionadas