As actividades, con todas as prazas esgotadas para participar nas rutas do mes de agosto, esténdense ata finais de outubro
A Deputación de Pontevedra continúa a ofrecer esta fin de semana as actividades do programa provincial +Bosques, unha iniciativa que promove o contacto directo coa natureza e que permitirá ás persoas participantes, 15 por quenda, gozar das vantaxes dos denominados “baños de bosque”. Este sábado 23 de agosto terán lugar na ruta do río Xabriña, en Covelo, mentres que o domingo 24 terán lugar na Ruta da Pedra e da Auga, entre Meis e Ribadumia. Todas as prazas dispoñibles para participar nas rutas de agosto están completas, esgotándose en cuestión de horas trala apertura da inscrición.
A ruta do río Xabriña destaca pola súa frondosa fraga, un escenario terapéutico polo que corre un regato con rápidos e pequenas fervenzas salpicadas de pontellas, muíños, fontes, corredoiras e pasadizos de musgo que facilitan unha experiencia de mergullo nun bosque caracterizado pola súa frescura. Pola outra banda, na Ruta da Pedra e da Auga os participantes visitarán máis de 30 muíños por este estreito sendeiro paralelo ao río Armenteira, no que atoparán algún paso dificultoso dado o seu desnivel (razón tamén de que se atopen aí tantos muíños). A medida que avance suavizarase a pendente, e trala área recreativa poderán gozar dun confortable paseo xunto ao río xa no municipio de Ribadumia.
Os espazos naturais que forman parte da oferta de +Bosques este ano son a ruta do Xabriña (Covelo) e da Pedra e da Auga (Meis), O Carreirón (A Illa de Arousa), Cabo Udra (Bueu), o Pazo de Lourizán (Pontevedra), a Illa de Tambo (Poio) e o río Eifonso (Vigo). Este ano a Deputación duplicou a oferta de percorridos por estes sete espazos da costa e o interior da provincia, que permitirán coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra.
Todas as rutas pretenden proporcionar ás persoas participantes unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do “baño de bosque” e a conexión directa en e coa natureza. Deste xeito, promoverase a estimulación sensorial a través do olfacto, o tacto, a vista, o oído e o gusto, así como realizaranse exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia. As quendas de +Bosques deste mes rematarán a próxima fin de semana con rutas no río Eifonso o sábado 30 e en Cabo Udra o domingo 31. O prazo para participar nas quendas de setembro abrirá proximamente.