O presidente provincial participa en Campo Lameiro, xunto ao alcalde Carlos Costa, na presentación da cuarta edición do Festival da Arte Rupestre de Galicia-Laeros que terá lugar este domingo no parque arqueolóxico deste concello do interior da provincia
“Este festival é unha magnífica oportunidade para mirar cara o medio rural como unha contorna que ten unha fantástica riqueza patrimonial e natural”
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, participou este martes na presentación da cuarta edición do Festival da Arte Rupestre de Galicia-Laeros, que se celebra este domingo no parque arqueolóxico de Campo Lameiro. O mandatario provincial, que estivo acompañado polo alcalde Carlos Costa, destacou a importancia de celebración deste tipo de eventos no medio rural, que permiten dar a coñecer a riqueza patrimonial e natural do medio rural, contribúen a facer fronte ao reto demográfico ao fixar poboación e dinamizar a actividade social e económica.
“Campo Lameiro é a capital do turismo rural desde o ano 2023 e este festival é unha magnífica oportunidade para coñecer a prehistoria da nosa provincia, que ten neste concello unha das súas capitais; descubrir outro dos grandes tesouros que agocha o interior da provincia e mirar cara o medio rural como unha contorna que ten unha fantástica riqueza patrimonial e natural”, salientou López.
Neste sentido, o dirixente provincial reafirmou o compromiso da Deputación con este festival do arte rupestre de Campo Lameiro como unha nova mostra da aposta pola promoción turística do interior da provincia. “Este ano por primeira vez levamos a cabo unha campaña turística centrada no interior que está a colleitar éxito a nivel mundial e que está dando os seus froitos cun incremento que estamos a experimentar no turismo estranxeiro e que ten unha alta presenza neste Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre,” recoñeceu López convidando a todo o mundo a achegarse o vindeiro domingo a Campo Lameiro para descubrir un festival que en catro edicións converteuse nunha referencia que atrae centos de visitantes de toda a provincia e que conta cunha atractiva oferta gastronómica, cultural e lúdica.
Ademais de felicitar aos organizadores e colaboradores deste festival e reafirmar o apoio da Deputación aos concellos do reto demográfico, como o de Campo Lameiro, o presidente provincial tivo tamén palabras de ánimo para todas as persoas que están a sufrir as consecuencias da vaga de lumes que está a padecer Galicia, en particular a provincia de Ourense, así como expresar o agradecemento da Deputación a todos os efectivos —brigadas forestais, bombeiros, forzas e corpos de seguridade, gandeiros ou particulares— que están colaborando nos labores de extinción dos incendios.