HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación leva esta semana o mellor cinema galego a Marín a...

A Deputación leva esta semana o mellor cinema galego a Marín a través do Ciclo Mestre Mateo

- Anuncio -spot_img

Marín acolle esta semana un total de catro sesións de longametraxes e curtametraxes no marco da Mostra do Audiovisual e Cinema 2025

O ciclo, no que a institución provincial colabora coa Academia Galega do Audiovisual, chegará tamén aos concellos de Marín, Mondariz e Vilanova de Arousa

Marín acolle esta semana catro citas co mellor audiovisual galego da man do Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Academia Galega do Audiovisual para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. Todas as catro sesións programadas entre este mércores 20 e o sábado 23 de agosto forman parte, ademais, da Mostra do Audiovisual e Cinema de Marín.

A programación do Ciclo Mestre Mateo na Mostra do Audiovisual e Cinema de Marín comeza este mércores 20 de agosto ás 21:00 horas coa proxección de “Salvaxe, salvaxe”, de Emilio Fonseca, no Parque Azul de Cantodarea. A cinta adéntrase nos montes de Galicia e Portugal para rastrexar as imaxes e ausencias do lobo ibérico nunha historia cargada de mitoloxía popular. Trátase dun ensaio fílmico, un “anti-documental” de natureza no que aparecen lobos que devolven a mirada á cámara aterrados e humanos que saben ouvear.

O xoves 21 ás 21:00 horas terá lugar no Hotel Villa de Marín unha sesión coas curtametraxes “Nai”, de Tito Refoxo (a desaparición dunha cativa fai tremer os cimentos da familia Bandín e tan só o plan dunha nai desesperada poderá esclarecer o destino final da súa filla), “Véxote”, de Óscar Pardo e con apoio económico da Deputación de Pontevedra (David e Lola van pasar uns días á casa rural do seu amigo Marcos e no medio da natureza buscan atoparse), “Pura”, de Carmen Méndez (unha muller volve á casa para recordarse e recoñecerse: colle unha cámara, filma por primeira vez e reconcíliase co lugar e coas lembranzas) e “Platónico, platónica”, de Xacio Baño (un documental con inventiva e humor sobre a semiótica da imaxe e que revela o amor polo mesmo acto de filmar).

O venres 22 ás 22:30 horas proxectarase na Finca de Briz a longametraxe “As neves”, de Sonia Méndez. A historia transcorre nunha vila de montaña onde todos se coñecen. Na noite de Entroido un grupo de adolescentes celebra unha festa na que se drogan con cogomelos por primeira vez, e ao día seguinte espertan cun temporal de neve e coa noticia de que Paula, unha das rapazas da festa, desapareceu. A vila queda incomunicada, cae internet e cada vez é más urxente atopala.

A programación do Ciclo Mestre Mateo no marco da Mostra do Audiovisual e Cinema de Marín remata este sábado 23 ás 12:00 horas no Hotel Villa de Marín coa proxección de tres curtametraxes animadas agrupadas nunha sesión infantil: “Avetimología”, de Xosé Zapata (a exploración da conexión entre a humanidade e a natureza a través de imaxes de impacto, nas que se aborda a necesidade de aprender e reconciliarse coa contorna natural), “Noites de prata”, de Soraya Antelo (unha noite Lola sobe ao escenario para gañarse a vida coa súa voz, pero os eventos lévana a abandonar Galicia e habitar as terras que baña o Río da Prata), e “Eu vou comigo”, de Chelo Loureiro (nun punto sen determinar do río Miño, un neno-sardiña cruza a corrente deixando atrás aqueles que celebran o seu enterro co fin do Entroido).

Publicacións Relacionadas