A praia do Puntal incorporouse este verán, a proposta do Concello, á Rede galega de praias sen fume, iniciativa de sensibilización impulsada no marco do “Programa galego de promoción dunha vida sen tabaco”. Coa adhesión de Neda son xa 30 os municipios da provincia coruñesa que colaboran.
A rede autonómica, que ten un fin puramente educativo e de sensibilización social, remarca a importancia da conduta da poboación adulta coa idea de que sirva de modelo para os máis novos. Tras a instalación da sinalización, no areal non se permite fumar, se ben a medida é de cumprimento voluntario.
A ampliación da nómina de areais sen fume busca contribuír á desnormalización do seu consumo na sociedade, ao coidado das praias e do medio ambiente e a lanzar a mensaxe clara de que vivir sen tabaco é posible. O Concello de Neda forma parte tamén dende a súa posta en marcha da Rede galega de parques sen fume.
Ademais dunha medida a prol da saúde, a petición á Sanidade enmárcase na aposta que está a facer a administración local por fomentar o uso e desfrute deste espazo natural por parte da veciñanza. Neste sentido, ao longo de verán mellorouse a sinalización na contorna, instaáronse a demandada ducha- lavapés e papeleiras, e dotouse dun aparcabicis, facilitando o uso seguro deste medio de transporte para acudir ao areal.