Belén do Campo e Martina Aneiros destacaron a prioridade absoluta de protexer ás persoas e ás vivendas ante a situación excepcional que vive Galicia
A Xunta despregou o maior dispositivo da súa historia, con máis de 3.000 profesionais e 32 medios aéreos, e solicita a máxima colaboración dos concellos
As delegadas territoriais da Xunta na Coruña e Ferrol, Belén do Campo e Martina Aneiros, acompañadas polo xefe do servizo de Prevención de Incendios Forestais, Guillermo Acebal Lúcia, e o xefe de servizo de emerxencias, Víctor Vázquez Pérez, reuníronse hoxe cos 93 representantes municipais que conforman os cinco distritos forestais da provincia para reforzar a coordinación fronte á elevada actividade incendiaria que está a rexistrar Galicia durante este mes de agosto.
Na xuntanza, as delegadas lembraron que “estamos ante unha situación excepcional, que obriga a dar prioridade absoluta á defensa das persoas e das vivendas naqueles lugares onde os incendios están a avanzar con especial violencia”.
Así mesmo, as representantes da xunta incidiron na importancia de manter activa a coordinación e as vías de contacto entre as administracións para poder facer fronte ás posibles ameazas que se presenten nas próximas semanas, “aínda que a situación na provincia da Coruña non reviste a gravidade da provincia de Ourense, non debemos baixar a guardia e seguir extremando todas as precaucións”.
Pola súa banda, as delegadas territoriais explicaron que dende o 1 de agosto rexistráronse 492 incendios en Galicia, uns 370 máis que no mesmo período do ano pasado. Só na xornada do domingo chegaron a declararse preto de 30 novos lumes en toda a comunidade, a maiores dos que xa estaban activos.
Para facer fronte a esta situación, a Xunta despregou o maior operativo da súa historia, composto por máis de 3.000 profesionais do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, aos que se suman máis de 200 bombeiros, GES e Protección Civil, 343 efectivos de brigadas municipais, 380 motobombas, 36 buldócer, 10 batracios e 32 medios aéreos, ademais de persoal da Policía Autonómica, da UME e das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
Chamamento á colaboración dos concellos
Durante a reunión, as delegadas da Xunta agradeceron a colaboración dos concellos e, ao mesmo tempo, solicitaron aos alcaldes que extremen a vixilancia en zonas de especial sensibilidade, como áreas de interface urbano-forestal, espazos protexidos ou lugares con elevada carga vexetal. Tamén se lles pediron que revisen o estado das faixas secundarias e que informen aos veciños da importancia de manter estes espazos libres de biomasa.
Así mesmo, instouse aos concellos a dispoñer dos seus medios humanos e materiais preparados para ser activados en caso de emerxencia, revisar os puntos de auga municipais e manter operativas as brigadas municipais previstas nos convenios.
Finalmente, lembróuselles a importancia de dar aviso inmediato ao 085 ante calquera incendio e de seguir colaborando co operativo da Xunta, tal e como veñen facendo habitualmente.
Nesa mesma liña, subliñaron que moitos dos lumes que se están producindo son claramente intencionados e que “quen pon en perigo vidas humanas e fogares atopará sempre a tolerancia cero por parte da Xunta, coa esixencia de que todo o peso da lei caia sobre eles”.