– O Concello acolleu esta mañá a Xunta Local de Seguridade que estivo presidida polo subdelegado do Goberno en Pontevedra e a alcaldesa. Asistiron representantes do goberno local, Policía Local e Nacional, Garda Civil e Protección Civil que participarán no dispositivo de seguridade.
– Estará operativo un hospital de campaña con dous facultativos e dous Espazos de Igualdade para unha resposta rápida e coordinada ante calquera incidencia. Digna Rivas, fai un chamamento ao civismo, xa que o Entroido de Verán “é unha festa de todas e todos, e para iso é fundamental o respecto e a colaboración da cidadanía”.
O Concello de Redondela ten todo preparado para garantir a seguridade durante o Entroido de Verán que se celebra este sábado, e que é unha das citas máis multitudinarias do calendario festivo galego. Como en anos anteriores, o Plan de Seguridade establece medidas de prevención e resposta ante posibles incidencias, contando cunha coordinación eficaz entre os distintos corpos de seguridade e emerxencias.
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, copresidiu xunto coa alcaldesa a reunión da Xunta Local de Seguridade celebrada esta mañá no Concello. Asistiron representantes do goberno local, Policía Local, Policía Nacional, Garda Civil e Protección Civil. O dispositivo de seguridade contará coa participación destes corpos e forzas de seguridade. Ademais, estará operativo un hospital de campaña ao lado do Concello que este ano incrementa o persoal sanitario cunha médico máis. A asistencia estará coordinada co PAC de Redondela para ofrecer unha resposta rápida e coordinada ante calquera incidencia. Haberá dous Espazos de Igualdade, cun punto fixo ao lado do hospital de campaña e outro itinerante que percorrerá todos os espazos da festa. Este servizo fai unha labor non só na atención a posibles vítimas de agresións sexistas, “senón tamén de sensibilización e concienciación”, explica a alcaldesa. Rivas fai un chamamento ao civismo, xa que o Entroido de Verán “é unha festa de todas e todos, e para iso é fundamental o respecto e a colaboración da cidadanía”. A alcaldesa lembra que o Entroido de Verán de Redondela foi desde sempre un espazo “de diversión e expresión libre e queremos que todos e todas poidan gozar en igualdade de condicións”.
Espazo seguro e limpo
Responsabilidade e colaboración para que os espazos onde se celebra o Entroido de Verán de Redondela queden “o máis limpos posible”. É o chamamento que fai a concelleira de Cultura, Rita Pérez, mentres desde o Concello ultiman os preparativos para unha das citas máis agardadas do verán na provincia. Pérez Táboas pide “responsabilidade” aos milleiros de participantes no entroido para que a celebración sexa “festiva e sen indicentes”. Insta tamén ao público a utilizar as ducias de colectores para recollida de lixo que estarán distribuídos polos diferentes recintos da festa, e tamén os baños públicos que se instalarán en distintos puntos da vila.
As actividades para público infantil e familiar comezarán ás 18.00 horas na pista da Xunqueira, a Praza de Ponteareas e a Praza da Torre. As actividades no recinto do Campo da Feira comezarán ás 19.00 horas con sesións DJ, Gala Drag e concertos con The Rapants, Carlos Jean, Samu Pexe e Rodri Vegas ata as 04.00 horas.