HomeXunta de GaliciaA Xunta impulsa con formación a dixitalización das cooperativas e entidades de...

A Xunta impulsa con formación a dixitalización das cooperativas e entidades de economía social en colaboración con Galicia Business School

- Anuncio -spot_img
  • Ambas entidades lanzan por primeira vez o Programa Generación Digital Pymes: Cooperativas e Economía Social, que comezará en novembro e ofrecerá formación gratuíta e mentorización dos plans de transformación dixital
  • Ademais, as persoas participantes obterán unha certificación en intelixencia artificial aplicada á empresa, que permitirá identificar oportunidades para mellorar procesos, optimizar custos e reforzar a experiencia da clientela e dos equipos humanos
  • As entidades interesadas poderán inscribir ata dúas persoas a través da web de Galicia Business School, na que tamén poden obter máis información sobre esta acción

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, impulsa a transformación dixital das cooperativas e entidades de economía social co lanzamento do Programa Generación Digital Pymes: Cooperativas e Economía Social, que comezará en novembro e terá unha duración de tres meses. Esta iniciativa, que se desenvolve por primeira vez, levarase a cabo en colaboración con Galicia Business School, no marco do convenio de colaboración asinado recentemente entre ambas entidades ao abeiro da Rede Eusumo.

Esta escola de negocios conta con ampla traxectoria na formación de profesionais do tecido empresarial galego e, de feito, xa leva formado máis de 400 directivos e responsables de pemes da comunidade.

O programa centrado nas cooperativas e na economía social, combina formación presencial en Santiago de Compostela con contidos en liña, é completamente gratuíta grazas ao financiamento da Unión Europea a través dos fondos Next Generation EU e ten unha duración de 146 horas.

Está dirixido a empresarios, responsables e cooperativistas que actúen nas diferentes áreas de compañías galegas de ata 249 traballadores (recursos humanos, xestión comercial, márketing, dirección, loxística, etc.) e de calquera sector. Tamén ás cooperativas e entidades sociais en particular (fundacións, confrarías, agrupacións de traballo social etc.) e ás persoas traballadoras autónomas vinculadas a empresas de economía social que desenvolvan tarefas de responsabilidade.

As persoas participantes recibirán formación práctica e especializada de mans de expertos en dixitalización e innovación empresarial con mentorización dos plans de transformación dixital das súas entidades e ademais, cursando este programa, obterán un certificado en intelixencia artificial aplicada á empresa, que os axudará a identificar oportunidades para mellorar procesos, optimizar custos e reforzar a experiencia da clientela e dos equipos humanos.

Contidos e inscrición

En concreto nesta formación abordaranse contidos sobre a transformación dixital nas empresas, a adaptación a este contexto, a mellora da experiencia do cliente, a implementación de tecnoloxías emerxentes, a aplicación da intelixencia artificial á empresa, a sustentabilidade e economía circular, así como casos reais de éxito no ámbito cooperativo. Deste xeito, o programa axudaralles na transición eficaz cara a modelos máis innovadores e competitivos e permitiralles identificar oportunidades para mellorar procesos, optimizar custos e reforzar a experiencia, tanto da clientela como dos equipos humanos. Cada entidade pode inscribir ata dúas persoas a través desta ligazón da web de Galicia Business School, na que tamén poden obter máis información.

Esta acción enmárcase nunha serie de iniciativas promovidas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en colaboración con Galicia Business School para mellorar a capacitación dixital do tecido empresarial galego. Nos próximos meses está prevista tamén unha edición específica do programa dirixida a persoas autónomas.

Con esta colaboración, a Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso co desenvolvemento competitivo e sostible das cooperativas e entidades da economía social, facilitando ferramentas para avanzar cara a un modelo produtivo máis moderno e resiliente.

Publicacións Relacionadas