HomeOurenseO CarballiñoA Xunta destaca a iniciativa do comercio local do Carballiño en prol...

A Xunta destaca a iniciativa do comercio local do Carballiño en prol da dixitalización coa posta en marcha da plataforma de atención LoPróximo

- Anuncio -spot_img
  • O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe na casa do Concello na presentación desta iniciativa que poñerá en marcha Carballiño Centro Comercial Aberto e que foi recoñecida nos Premios do Comercio Galego 2024
  • Salientou que, coa adhesión desta entidade do Carballiño a esta plataforma, o comercio de proximidade galego continúa dando pasos na atención ao cliente e ás tendencias de consumo conxugando a dixitalización cos valores tradicionais
  • Puxo de relevo o papel das asociacións de comerciantes para dinamizar e incentivar o consumo de proximidade responsable e de calidade
  • O Plan estratéxico do comercio de Galicia abarca medidas para reforzar a modernización e os apoios ás federacións e asociacións de comerciantes -entre elas os centros comerciais abertos- como instrumentos clave no sector comercial

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe na presentación da plataforma de atención dixital do comercio local LoPróximo, que poñerá en marcha Asociación Carballiño Centro Comercial Aberto e que foi recoñecida no marco dos Premios do Comercio Galego 2024. Trátase dunha ferramenta pioneira desde a que os comerciantes van poder atender as solicitudes de veciños e veciñas interesados en atopar, de forma fácil e áxil, os produtos e servizos dispoñibles no comercio local do Carballiño e que tamén implantaron outras entidades como CCU Aever en Verín.

Con esta nova adhesión, subliñou Gabriel Alén, o comercio de proximidade galego continúa dando pasos na atención ao cliente e ás tendencias de consumo. Isto faino, engadiu, conxugando a dixitalización cos valores tradicionais e beneficios únicos do comercio de proximidade e puxo como exemplo o esforzo do comercio local de Carballiño neste eido. Neste contexto destacou o importante papel que xogan as asociacións de comerciantes para dinamizar e incentivar o consumo de proximidade responsable e de calidade e animou a sumarse á iniciativa a aqueles comercios locais que aínda non o fixesen.

Ademais, o director xeral fixo fincapé de seguir afondando nas novas ferramentas dixitais para avanzar na modernización do sector, incrementar as vendas e achegarse a un novo perfil de clientes, innovando o modo no que as persoas se relacionan co comercio local. Neste sentido, LoPróximo busca ser un punto único, áxil e sinxelo con toda a oferta de produtos e servizos que ofrece o comercio da vila para obter asesoramento personalizado ou propostas exclusivas dos establecementos adheridos.

En consonancia con este tipo de iniciativas, Gabriel Alén lembrou que o Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 abarca medidas para reforzar a modernización e os apoios ás federacións e asociacións de comerciantes -entre elas os centros comerciais abertos- como instrumentos clave de consolidación do sector comercial. Esta folla de ruta do comercio galego busca consolidar un modelo comercial máis moderno, sostible e adaptado ás novas demandas da clientela e do territorio.

Funcionamento LoPróximo

A plataforma LoPróximo é sinxela, intuitiva e accesible en https://loproximo.com a todas as persoas interesadas en atopar as propostas ou asesoramento especializado do comercio local do Carballiño. Basta con describir por escrito o que se está a buscar para recibir as propostas a medida elaboradas polos comerciantes locais. Unha vez seleccionada unha proposta, a persoa cliente poderá acudir directamente ao establecemento para realizar a compra, ou acordar co comerciante calquera outra modalidade de entrega.

Publicacións Relacionadas