• O rexedor, José Carlos Vidal, reuniuse recentemente co director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, e o director do Servizo de Arqueoloxía, Roberto Pena, para explorar posibles vías de colaboración
O alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal, mantivo un encontro co director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, e o director do Servizo de Arqueoloxía da Xunta de Galicia, Roberto Pena, co obxectivo de explorar posibles vías de colaboración en materia de conservación, protección e posta en valor do patrimonio do municipio.
Durante a reunión, o rexedor trasladoulles a importancia do legado patrimonial co que conta o concello e presentoulles o proxecto para a investigación arqueolóxica e divulgación do castro da Croa de Posmarcos, un dos xacementos máis singulares da comarca.
O castro, localizado na parroquia de Santo Isidoro de Posmarcos, foi adquirido polo Concello en 2024 co obxectivo de garantir a súa conservación e promover novas investigacións. O enclave constitúe un exemplo singular de castro do interior, diferente aos habituais castros costeiros do Barbanza. Segundo recolle o propio proxecto, trátase dun castro cunha localización estratéxica, ben conservado e con gran potencial para mellorar o coñecemento da Idade de Ferro en Galicia.
O rexedor solicitou apoio ao organismo autonómico para, así, establecer un plan de actuación que permita: a prospección xeofísica da croa, a escavación arqueolóxica nas estruturas documentadas, o rexistro fotográfico e planimétrico, o estudo e tratamento dos materiais arqueolóxicos recuperados e o depósito no museo correspondente, a elaboración dunha memoria técnica da actuación e a organización de visitas guiadas ao xacemento.
O primeiro edil cualificou a xuntanza como “moi positiva” e destacou que se trata “dun proxecto de interese para toda a nosa veciñanza, xa que permitirá poñer en valor un dos grandes tesouros patrimoniais do noso municipio. Agardamos contar co apoio da Xunta para poder facelo realidade”.