As actuacións, que forman parte do Esmorga Folk, comezarán ás 23:45 horas da man de De Ninghures e seguirán a continuación con Tiruleque
+Música está dotado este ano de 700.000 €, 100.000 € máis que o pasado ano, para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas
A Deputación de Pontevedra leva este venres 22 de agosto á Bandeira, en Silleda, unha dobre sesión de música cos concertos de De Ninghures e Tiruleque. Ambos os dous forman parte da nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. Os concertos comezarán a partir das 23:45 horas na Carballeira da Pomba no marco do Esmorga Folk, unha actividade cultural enmarcada na programación da Festa da Empanada da Bandeira.
Os primeiros en actuar serán De Ninghures, unha banda do novo folk galego con instrumentos orgánicos e un repertorio tradicional galego con claras influencias das músicas doutros pobos da península ibérica, América latina ou o Magreb. Defínense coma uns rapaces dos anos 90 que medraron escoitando a grupos como Berrogüetto ou Milladoiro, e defenden a música feita de raíz e a creación contemporánea que pon en valor a tradición. A formación ofrece experiencias musicais auténticas que enraízan a tradición galega cunha perspectiva global, moderna e actual.
A continuación actuará a banda Tiruleque leva en activo máis de dúas décadas mesturando un repertorio baseado nas recollidas e cancioneiros tradicionais con outras moitas influencias, así como pezas propias. En Lalín presentarán o seu novo espectáculo “Repichoca”, adiantando o novo traballo discográfico da formación. Nel, a banda captura a ledicia e o espírito festivo das repichocas e das foliadas, pero levándoas ao presente, como espazos que unen aos galegos para celebrar a cultura do país.
Os concertos de De Ninghures e Tiruleque no Esmolga Folk da Bandeira son dúas das 78 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa provincial ten un orzamento de 700.000 euros, 100.000 euros máis que na pasada edición, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a institución provincial aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade.