“Enredada”, de Leti da Taberna, representarase ás 21:00 horas na Praza do Concello
+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes
A Deputación de Pontevedra leva este venres 22 de agosto o circuíto +Escénicas ao concello de Salvaterra de Miño da man do espectáculo de humor “Enredada”, a cargo de Leti da Taberna. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
O monólogo de humor “Enredada” representarase na Praza do Concello ás 21:00 horas con entrada de balde. Nel, Leti da Taberna explorará a relación que mantemos as persoas coas redes sociais e como estas nos inflúen no noso día a día. A propia Leticia Miraz, taberneira “de nacemento” e con formación sociosanitaria, fíxose popular a raíz de comezar a publicar contidos en TikTok en 2020. O obxectivo deste espectáculo, en galego e con perspectiva feminista, é provocar que os espectadores se vexan reflexados coas situacións que presenta para que acaben rindo de si mesmos.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.