HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación aproba unha achega de preto de 25.000 euros ao Concello...

A Deputación aproba unha achega de preto de 25.000 euros ao Concello de Silleda para a adquisición de material deportivo

- Anuncio -spot_img

Silleda recibirá os recursos no marco do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, no que recibiu preto de 200.000 euros para as obras de mellora do pavillón municipal da Bandeira e a instalación dun skatepark e unha pista multideportiva

A Deputación de Pontevedra aproba unha achega de preto de 25.000 euros ao Concello de Silleda co obxecto de financiar a adquisición de material deportivo tanto para os seus espazos de lecer ao aire libre como para os seus complexos deportivos. A concesión enmárcase no marco do primeiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, despois de que o investimento previamente concedido (64.000 euros para a instalación dun stakepark e unha pista multideportiva) diminuíse o seu orzamento a preto de 42.000 euros. A Deputación permite, deste xeito, que o Concello reinvista o importe sobrante que lle correspondía nesa anualidade do plan provincial para poder dispoñer dos recursos íntegros.

En relación aos preto de 25.000 euros concedidos para a adquisición de material deportivo, o Concello de Silleda adquirirá unidades combinadas de porterías de fútbol sala e balonmán con canastra de baloncesto para as prazas Mestre Mateo de Silleda e Vales Mahía da Bandeira, canastras de baloncesto para as prazas Juan Salgueiro tanto de Silleda como da Bandeira, e redes de protección contra a saída de balóns para a cancha multideporte da praza Juan Salgueiro da Bandeira. Ademais, renovará equipamentos no campo de fútbol da Gandareira (redes de protección para o peche do recinto), o complexo deportivo de Silleda e o campo de fútbol de Mularedos (bancos e perchas para os vestiarios en ambos os dous casos).

A Deputación leva investidos en Silleda no marco das dúas anualidades do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas un total de 195.000 euros. Aos dous proxectos financiados na primeira anualidade súmaselles as obras de mellora integral do pavillón municipal de deportes da Bandeira, aos que Silleda dedica o total que lle corresponde na segunda anualidade do PEID: 131.000 euros (un 112% máis de recursos que na primeira edición).

Publicacións Relacionadas