HomeXunta de GaliciaOs Concertos do Xacobeo incluén a celebración en Pontevedra dunha nova edición...

Os Concertos do Xacobeo incluén a celebración en Pontevedra dunha nova edición do Festival Río Verbena

- Anuncio -spot_img
  • Xosé Merelles puxo en valor este evento para atraer o turismo urbano durante o verán nunha cidade na que o número de viaxeiros medrou un 2% no primeiro semestre
  • O festival, reunirá, entre outros a Loquillo, Coque Malla, Xoel López, Andrés Suárez, Álvaro de Luna, Nil Moliner ou Carlos Sadness

O Río Verbena Fest regresa a Pontevedra para celebrar a súa terceira edición os días 22 e 23 de agosto co apoio dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia. Así o presentou está mañá o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, quen puxo en valor esta cita á hora de impulsar o turismo urbano durante o verán en cidades como Pontevedra, que está a medrar un 2% en número de viaxeiros.

Como explicou, o apoio da Xunta a este evento enmárcase na súa estratexia por dinamizar o territorio galego da man do turismo de festivais baixo a marca Concertos do Xacobeo que, a día de hoxe, inclúe máis de 150 festivais, ciclos e concertos en máis de 70 localidades de toda Galicia con máis de 800 artistas. Así, dixo, o Rio Verbena Fest estase a consolidar nesta oferta de turismo de festivais “grazas a un cartel de artistas atractivo para todos os públicos que non esquece apoiar tamén o talento galego”, explicou.

“O Río Verbena e os Concertos do Xacobeo apoian non só as figuras consolidadas, senón tamén o talento local emerxente e a mestura de sons e estilos para os gustos máis diversos e exixentes, así como para os públicos locais e foráneos que desexan descubrir novos nomes e gozar da música a calquera hora do día e da noite”, engadiu Xosé Merelles recordando que a cidade está a amosar un comportamento turístico moi positivo no que tamén o turismo estranxeiro está a medrar, en concreto un 10% no primeiro semestre.

Máis de 30 eventos na provincia

Salientou tamén que o Río Verbena é un dos máis de 30 eventos que Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia apoia na provincia de Pontevedra, con citas como Portamérica, Atlantic Fest, Costa Feira, Orballo Cultural, ou Revenidas coa intención de “potenciar o atractivo turístico nunha contorna cunha grande afluencia de visitantes na época estival” na que, como explicou, se poderá gozar de propostas artísticas de primeiro nivel e dunha gran diversidade de xéneros e estilos para todos os públicos, con eventos abertos á mocidade, á infancia e aos adultos máis curiosos e esixentes.

Concertos do Xacobeo fomenta na provincia de Pontevedra a dinamización da economía local, co apoio a asociacións locais, motores da cultura propia, á hostalería e ao comercio; e, tamén, a posta en valor da paisaxe e a riqueza patrimonial e paisaxística local, explicou.

Unha vintena de artistas en dous días

En relación ao Río Verbena, esta terceira edición inclúe a artistas como Loquillo, Coque Malla, Álvaro de Luna, Xoel López, Nil Moliner, Andrés Suárez (co seu único concerto en Galicia), Carlos Sadness, Pignoise, YSY A, Malmö 040, Efecto Pasillo, Carla Lourdes ou Taïn, entre outros. O programa está formado por grandes figuras da música pop e indie estatal e galega, ademais de incorporar nomes clásicos e outros mainstream. As entradas e abonos seguen dispoñibles na web oficial do festival: www.rioverbena.com.

O venres 22 de agosto, Loquillo, Xoel López e Coque Malla lideran un cartel que se completa coas actuacións de Andrés Suárez, Efecto Pasillo, Orzán, Terapia de Grupo e Guateque Big Band, combinando o pulso da escena estatal con propostas emerxentes. A música continuará o sábado 23 cun segundo día de programación encabezado por Álvaro de Luna, Nil Moliner, Carlos Sadness e YSY A. A xornada do sábado incluirá ademais a Malmö 040, Carla Lourdes, Taïn, Mamasución, Javier Lago e Sergio El Indio DJ, nun cartel que reúne diferentes estilos e xeracións nun mesmo espazo.

Como aperitivo ao festival, do mércores 20 ao sábado 23 de agosto, terán lugar as xa consolidadas ‘Sesións Verbeneiras’ na praza de Méndez Núñez de Pontevedra. Serán tres xornadas de concertos gratuítos con protagonismo para o talento local. O mércores 20 abrirán a programación CORA e Rukan Blues, mentres que o xoves 21 será a quenda de Adrián Torres e Desconcerto. Xa o o sábado 23, durante todo o día, a Charanga Alambique encherá de música o corazón da cidade e animará o ambiente para recibir a última xornada do festival. O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.

Publicacións Relacionadas