HomeXunta de GaliciaA Xunta habilita a tramitación electrónica do Sistema de Identificación de animais...

A Xunta habilita a tramitación electrónica do Sistema de Identificación de animais de compañía para axilizar o proceso de rexistro e facilitar o labor dos veterinarios

- Anuncio -spot_img
  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se habilitan dous novos procedementos na sede electrónica para que, por primeira vez, os veterinarios habilitados poidan presentar de forma dixital as solicitudes relacionadas co Regiac
  • A tramitación telemática das inscricións, baixas, modificacións e cambios de titular dos animais domésticos identificados estará operativa a partir do 22 de setembro
  • Os cambios responden ás demandas dos profesionais e dos propietarios e permitirá modernizar o actual sistema de rexistro de cans, gatos, furóns, aves e outros

A Xunta introducirá unha serie de melloras tecnolóxicas no procedemento para a identificación dos animais de compañía en Galicia co obxectivo de axilizar o proceso actual de rexistro dos exemplares e, ao mesmo tempo, facilitar o labor dos veterinarios habilitados para realizar este tipo de trámites na Comunidade.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se habilitan na sede electrónica da Xunta dous novos procedementos administrativos do Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (Regiac) que permitirán por primeira vez realizar a presentación telemática das solicitudes de inscrición, modificación e baixa dun animal e de cambio de propietario.

Coa presentación electrónica das solicitudes evitarase a expedición e remisión de documentación física por parte dos veterinarios encargados da identificación dos animais de compañía, así como a revisión manual e individual posterior de cada un dos expedientes iniciados unha vez se reciben no rexistro.

Aínda que a habilitación destas solicitudes na sede electrónica non estará dispoñible ata o 22 de setembro, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático porá desde xa á disposición dos profesionais habilitados un manual de axuda que conta cun glosario de dúbidas frecuente e un vídeo titorial que lles permitirá coñecer os novos procedementos en detalle, así como contar coas instrucións necesarias para facilitar a súa implantación.

Así mesmo, tamén se porá á disposición das persoas usuarias un servizo de asistencia técnica a través da caixa de correo electrónico regiac.medioambiente@xunta.gal, para a resolución de dúbidas ou dificultades técnicas que poidan xurdir nun primeiro momento.

A habilitación electrónica deste procedemento permitirá xestionar de xeito máis áxil e eficaz as preto de 100.000 solicitudes de inscrición, modificación, baixa ou cambio de titular que tramitan anualmente os veterinarios habilitados en toda Galicia e permitirá acometer a modernización do procedemento de rexistro, facilitando o labor destes profesionais e axilizando en gran medida o propio trámite de inscrición.

De feito, os cambios responden ás demandas do sector e dos propietarios e transformarán o Regiac (creado en 2002 e que actualmente conta con máis de 817.000 animais identificados en toda a Comunidade) nun rexistro electrónico que automatizará os trámites de inscrición a partir da información facilitada polos veterinarios.

Neste sentido, a posta en marcha dos novos procedementos electrónicos favorecerá de xeito directo aos 941 veterinarios habilitados pola Consellería para identificar animais de compañía, o que sen dúbida tamén repercutirá positivamente nas máis de 500.000 persoas propietarias destes animais, facilitando e axilizando a realización dun trámite obrigatorio segundo a lexislación autonómica e estatal.

En concreto, este proceso de identificación regúlase en Galicia a través da Lei de protección e benestar dos animais de compañía, que establece a obriga de identificar e rexistrar a todos os cans sen excepción. Así mesmo, a Lei estatal de protección dos dereitos e do benestar dos animais ampliou esta obriga a todos os gatos, furóns e aves.

Outras iniciativas en materia de benestar animal

A automatización do Regiac súmase a outras iniciativas e medidas impulsadas polo Goberno galego nos últimos anos co obxectivo común de seguir avanzando en materia de protección e benestar animal.

Así, a Consellería convocou este ano tres ordes de axudas —que suman un importe global de case 1,4 millóns de euros— dirixidas a concellos e a entidades inscritas no Rexistro Galego de Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais de Compañía quen realizan actuacións de recollida e mantemento de animais abandonados, así como a promover a tenza responsable e a súa adopción por parte da cidadanía.

Así mesmo, a Xunta promove tamén o primeiro centro de protección animal de Galicia, que estará localizado en Curtis e cuxa construción se iniciará previsiblemente o próximo ano; e impulsará da man dos concellos parques caninos municipais nas sete grandes cidades, empezando por Ferrol, o primeiro co que xa se asinou un convenio de colaboración para materializar esta nova infraestrutura pública.

Publicacións Relacionadas