A actuación foi anunciada antes das eleccións municipais de 2023 e tamén incluía a supresión de dúas torretas, sen que a día de hoxe se volvese a ter novidades sobre este proxecto
O alcalde foi incapaz de contestar ás preguntas realizadas polo voceiro do Bloque, Fran Leiro, no último Pleno ordinario
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo insta ao Goberno local do Partido Popular e a Telmo Martín a que informen á veciñanza sobre os traballos contemplados para o soterramento de dúas liñas de alta tensión das subestacións eléctricas de Nantes e Cambados. Esta actuación foi anunciada polo Concello e a Xunta de Galicia en marzo de 2023, dous meses antes das eleccións municipais. Máis de dous anos despois, a obra, que tamén inclúe a retirada de dúas torretas, non só non se levou a cabo, senón que se descoñece se realmente se vai facer realidade.
Nin sequera o propio alcalde foi quen de despexar dúbidas sobre este tema no Pleno ordinario do pasado mes de xullo. Na quenda de rogos e preguntas, o voceiro nacionalista, Fran Leiro, solicitou Telmo Martín máis información sobre este proxecto, para o cal se anunciou un orzamento de máis de 3 millóns de euros. O alcalde foi incapaz de responder ás cuestións prantexadas polo edil do Bloque. “A día de hoxe a única certeza é que esas liñas de alta tensión seguen aí e nin sequera se pode garantir que vaian a ser retiradas, a pesares de ser unha demanda histórica da veciñanza”, critica Leiro.
Os nacionalistas temen que este proxecto quede esquecido nun caixón, como xa ten acontecido con outras obras faraónicas prometidas polo alcalde e que nunca se levaron a cabo, como a construción da estrada entre o polígono de Nantes e Vilalonga, anunciada hai practicamente dúas décadas. “Esta é a especialidade do señor Martín e do Partido Popular: anunciar grandes obras e, ou ben non facelas, ou deixalas abandoadas se se constrúen”, denuncian desde o BNG, que teñen claro que unha das razóns desta situación é o “nulo peso político que ten o señor Martín ante as administracións que goberna o seu propio partido”.
O grupo nacionalista, ante a falta de respostas do alcalde, teme que ese anuncio realizado en 2023 non fose máis ca fume, realizado dous meses antes das eleccións municipais. “Non sería a primeira vez que o señor Martín aproveita as semanas previas aos comicios para mentir de xeito descarado á veciñanza, como xa fixo nesa mesma campaña, cando prometeu unha baixada de impostos que non só non aplicou, senón que converteu nunha subida exponencial en recibos como o do IBI ou do imposto de vehículos”, recorda Fran Leiro.
“Non sería nada sorprendente que o soterramento das liñas de alta tensión e a supresión das dúas torretas permaneza no olvido ata que esteamos preto das próximas eleccións municipais”, conclúen os nacionalistas, que advirten a Telmo Martín de que “os veciños e veciñas de Sanxenxo non van tolerar máis mentiras, especialmente cando estamos a falar de actuacións que deberían facerse realidade canto antes, ao supoñer unha mellora da seguridade e do subministro enerxético”.