-Desde a REGAVIVEC, e en colaboración co Concello, ampliarase a vixilancia deste vector colocando trampas para ver a extensión e abundancia do mosquito tigre en función dos criterios dos técnicos de Saúde Pública e dos expertos entomólogos
A Xunta, a través da Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec), da que tamén forman parte as universidades de Vigo e de Santiago de Compostela, confirmou a presenza de larvas de mosquito tigre no concello de Mos.
Nos labores de seguimento en concellos circundantes á area de distribución coñecida do mosquito tigre na comunidade galega detectouse a presenza de larvas de mosquito na zona de Torroso, no concello de Mos.
Ao ser detectada en estado larvario, todo parece indicar que a súa poboación está introducida. Desde a REGAVIVEC, e en colaboración co Concello, ampliarase a vixilancia colocando trampas para ver a extensión e abundancia do mosquito tigre en función dos criterios dos técnicos de Saúde Pública e dos expertos entomólogos da REGAVIVEC.
Ademais, o Concello de Mos, sumarase aos de Moaña, Vigo, Cangas, Redondela, Porriño, Vilaboa e Bueu como integrante do comité técnico do mosquito tigre.
Desde a Consellería de Sanidade agradécese a participación cidadá seguindo os consellos para evitar a proliferación deste insecto, que é vector de enfermidades como son o dengue, chikungunya ou Zika. Por iso, lémbranse que a maneira máis efectiva de evitar esta proliferación é impedir a posta de ovos e o crecemento das larvas con pautas sinxelas como eliminar puntos de auga estancada en bebedeiros, pratos baixo macetas, caldeiros á intemperie ou embarcacións co seu simple baleirado ou coa renovación da auga cada 4-5 días.
A Consellería de Sanidade ten un acordo de colaboración co Consello Superior de Investigacións Científicas, na promoción da descarga da aplicación móbil Mosquito Alert coa que a cidadanía pode achegar fotografías para o seu estudo por parte dos especialistas en entomoloxía, quen confirmarán se se trata ou non de mosquito tigre ou doutra especie.
Para evitar as picaduras do mosquito tigre aconséllase o uso de repelentes específicos que se poden atopar nas listaxes de produtos autorizados, ademais de recomendar vestir con manga e pantalóns largos e calzado pechado ou colocar mosquiteiros en portas e ventás. As picaduras poden ser molestas e, nalgún caso, poden producir reaccións alérxicas de certa gravidade.
Toda a información está dispoñible na seguinte ligazón da Dirección Xeral de Saúde Publica: https://www.sergas.es/Saude-publica/Mosquito-tigre?idioma=ga.