Cualifica o programa de servizos voluntarios como “un parche insuficiente” e alerta de que que xa se teñan superado o máximo de horas extraordinarias fixadas por prevención
Este martes había só 15 bombeiros repartidos entre os parques de Teis e Esturáns
Xabier P. Igrexas: “A irresponsabilidade e pésima xestión de Caballero supón a xogar á ruleta rusa coa seguridade da cidade e do propio corpo de bombeiros”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia que Vigo leva 359 días sen contar co número mínimo de 20 bombeiros activos por xornada. A fronte nacionalista considera que este déficit evidencia que o programa de servizos voluntarios, aprobado hai case un ano polo Goberno de Abel Caballero, foi un “parque insuficiente” que provocou que se teñan superado xa o máximo de horas extraordinarias no servizo.
“Todas e cada unha das xornadas a cidade contou con menos bombeiros dos necesarios”, alertou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas. Así, este martes había só 15 bombeiros repartidos entre os parques de Teis e Esturáns. “Unha dotación que non garante a capacidade de intervención en caso de que se produzan varios focos de lume ou dúas emerxencias simultáneas en distintos puntos”, criticou.
Unha falla de efectivos que, advertiu Igrexas, ten unha “incidencia directa e grave” na organización e desenvolvemento dos operativo. “A irresponsabilidade e pésima xestión de Caballero supón a xogar á ruleta rusa coa seguridade da cidade e do propio corpo de bombeiros, comprometendo a capacidade de resposta ante situacións de emerxencia e ante a posibilidade de que suceda algo grave, que ninguén desexa”, afeou.
O portavoz municipal do Bloque acusou o Goberno local de “trampear” durante este ano os mínimos para evitar o peche do parque de Esturáns, como ocorría con anterioridade no parque provisional de Coruxo. “Pero sen garantir un só día o persoal necesario para o pleno funcionamento dos dous parque”, lamentou.
Reforzar o servizo de bombeiros
Dende a fronte nacionalista cargaron contra o “discurso triunfalista e a propaganda oficial” coa que o Goberno de Caballero anunciou o programa de servizos voluntarios como solución ao problema de efectivos. “O Bloque advertimos que era un parche insuficiente que non resolvía o problema”, lembrou Igrexas. “O único que logrou foi exceder as horas extraordinarias fixadas por prevención, cunha evidente sobrecarga e fatiga do persoal”.
Diante desta situación, o BNG volveu urxir unha rectificación do Goberno municipal, demandando medidas estruturais e de fondo. Entre elas, Igrexas reivindicou as propostas recollidas na moción nacionalista, rexeitada en xuño do ano pasado, para reforzar do persoal necesario ao servizo de bombeiros para atender a case 300 mil habitantes nos 110 quilómetros cadrados da cidade.