Os membros do Centro Popular Xaquin Lorenzo poñen fin a 40 edición das Xornadas de Folclore, marcada polas suspensións das actuacións, coa marcha de todos os grupos participantes
Máis de 30 persoas, de forma directa e indirecta, formaron parte do equipo desta mostra folclórica, entre guías, persoal de son, montaxe ou intendencia de atención aos 200 artistas
A celebración destas Xornadas é posible gracias ao traballo que se fai ao longo de todo o ano e a “paixón e ilusión” do equipo por manter vivo este esperado evento cultural
Os corenta anos das Xornadas de Folclore xa forman parte do pasado, coa marcha de todos os grupos participantes, nun aniversario marcado pola adversidade e a cancelación da maioría dos festivais previstos. As Xornadas son o resultado do traballo feito ao longo de todo un ano polo Centro Cultural Popular Xaquín Lorenzo.
A pesar do poso de “tristura” deixado nesta edición especial polos tráxicos incendios, o equipo do Centro Popular xa está a pensar no próximo ano, xa que como aseguran “a paixón e a ilusión” por traer a Ourense cada ano unha mostra do folclore do mundo segue presente.
O Centro de Cultura Popular naceu a partires dunha adaptación da Escola Provincial de Danza da Deputación que, dende 1984, viña desenrolando unha intensa actividade no eido da música e da danza popular. Tamén se sumou ao novo proxecto a traxectoria comezada polo Colectivo Cultural Castro Floxo, adicado a actividades de investigación e difusión da cultura popular.
Entre os obxectivos do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, dependente da Deputación de Ourense, atópanse a promoción de actividades que busquen recuperar, conservar e espallar a cultura popular e habilitar os medios para dala a coñecer, e transmitir deste xeito un patrimonio intanxible.
As Xornadas de Folclore, que teñen lugar baixo a dirección artística de Xulio Fernández e a coordinación de Xavier Álvarez, son só unha das moitas actividades no que o Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo traballa ao longo do ano. Mantén activa a Escola Provincial de Danza – Castro Floxo, grupo co que participa en diferentes festivais, un dos máis recentes en Eslovaquia.
Ademais organiza diferentes obradoiros relacionados con oficios e outras actividades tradicionais, como o de xogos populares que percorre a provincia ou a exitosa romaría Raigame, na vila de Vilanova dos Infantes cada 17 de maio. Participa en seminarios e Congresos nacionais e internacionais e edita varias publicacións, entre elas a revista Raigame, entre outras actividades.
As Xornadas están organizadas pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos diferentes concellos anfitrións.