HomeA CoruñaO Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao goberno local a retirada...

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao goberno local a retirada da Alameda dos residuos dos fogos do Apóstolo

- Anuncio -spot_img

Tres semanas despois dos “fogos pequenos” do Apóstolo, o miradoiro da escalinata do campus converteuse nun vertedoiro improvisado

Os socialistas esixen ao goberno de Goretti Sanmartín que inste á empresa adxudicataria á retirada e correcta xestión dos residuos pirotécnicos.

O Grupo Municipal Socialista de Santiago denuncia o estado de abandono da Alameda, onde seguen amoreados residuos procedentes dos fogos artificiais celebrados o pasado 31 de xullo con motivo das festas do Apóstolo.

A contorna do miradoiro situado na escalinata que conecta a Alameda co Campus universitario converteuse nun vertedoiro improvisado, onde permanecen depositados 12 sacos e 10 palés con bolsas de area e restos de material pirotécnico, entre os que se atopan os cartuchos dos fogos artificiais empregados no espectáculo. Unha zona sen perímetro de seguridade nin vixilancia, onde estes residuos están ao alcance da man de calquera viandante e que son causa de preocupación entre a veciñanza de Compostela.

O Grupo Municipal Socialista reclama ao Goberno de Goretti Sanmartín a actuar de forma inmediata, instando á empresa adxudicataria á retirada e correcta xestión dos residuos pirotécnicos do que é o parque máis emblemático da cidade. Unha Alameda que é centro da vida das compostelás e dos composteláns, así como unha visita obrigada dos moitos turistas que nos visitan nestas datas.

A Alameda de Santiago, xardín histórico da cidade, merece todo o respecto e protección patrimonial e medio ambiental e non pode ser vítima do desleixo a causa das vacacións de verán.

Publicacións Relacionadas