- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de 2025 das achegas do Programa de emprego con apoio ás que destina 450.000 euros
- As solicitudes de axuda poden presentarse desde mañá ata o próximo 21 de setembro
- En 2024 beneficiáronse deste programa 33 preparadores e preparadoras laborais, que apoiaron a 93 persoas con discapacidade e en risco de exclusión nos seus postos de traballo na empresa ordinaria
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de 2025 de achegas do Programa de emprego con apoio da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. A ela destina 450.000 euros para financiar os custos laborais derivados da contratación de preparadores que presten apoio a persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social no seu traballo nunha empresa, co fin de favorecer a súa integración laboral.
Poden beneficiarse das achegas asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro, así como os centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral que subscriban o correspondente convenio de colaboración coa empresa que vai contratar as persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social beneficiarias das accións con apoio. Tamén poden optar as empresas e as persoas traballadoras autónomas que contraten persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social. Poderán solicitar os apoios desde mañá 22 de agosto ata o vindeiro 21 de setembro.
Con estes apoios sufrágase ata o 100% do custo salarial da persoa preparadora nas seguintes contías: 11.083,33 euros anuais por cada persoa traballadora apoiada con parálise cerebral, con enfermidade mental ou con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65% e 6.650 euros anuais nos mesmos casos anteriores, pero cando as persoas traballadoras conten cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33% e inferior ao 65%.
A cantidade anual será de 4.156,25 € por cada persoa traballadora apoiada con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65% e persoas xordas e con discapacidade auditiva, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33% e 1.625 euros anuais por cada persoa traballadora apoiada con capacidade intelectual límite.
Estas axudas terán un incremento do 25% acumulables entre si se a empresa radica nun concello rural, ou as persoas preparadoras laborais que se van contratar son maiores de 45 anos, mulleres, persoas trans ou emigrantes retornadas ou estranxeiras.
O programa de emprego con apoio inclúe, ademais, apoios aos desprazamentos dos preparadores laborais das entidades que subscriban convenios de colaboración cun máximo de 2.500 euros de axuda por persoa preparadora.
O ano pasado, deste programa beneficiáronse 33 preparadores e preparadoras laborais, que apoiaron a 93 persoas con discapacidade e en risco de exclusión nos seus postos de traballo na empresa ordinaria.
Outras medidas autonómicas
A iniciativa forma parte da estratexia da Xunta para impulsar a contratación das persoas con discapacidade e en risco de exclusión na empresa ordinaria, un colectivo con especiais dificultades de acceso ao emprego e de permanencia no mercado laboral. Neste ámbito tamén se inclúen outras medidas como o programa Galicia Emprega, que dos preto de 20 M€ dedica 3 M€ a apoiar a contratación de persoas con discapacidade e en risco de exclusión e que teñen prazo de solicitude aberto ata o 30 de setembro. Ademais, pon a disposición axudas aos centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral para favorecer a empregabilidade de persoas con discapacidade e en risco de exclusión social.
Ligazón á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250821/AnuncioG0767-050825-0001_gl.html